Actualidade

A Cátedra Greenalia-UDC para a Transición Enerxética entrega os premios Galicia Renovable

26/09/2023

 

A Cátedra Greenalia-UDC para a Transición Enerxética entregará este mércores 27 de setembro os premios “Galicia Renovable”, nun acto que terá lugar ás 11 horas na Reitoria da Universidade da Coruña. Os premios buscan visibilizar proxectos que contribúan ao proceso de descarbonización en Galicia, recoñecendo traballos realizados por estudantes de Grao e de Máster do Sistema Universitario de Galicia. 


No acto participarán o director do INEGA, Juan Ignacio Rodríguez, a directora de Sustentabilidade e Desenvolvemento Corporativo de Greenalia, Beatriz Mato, e o reitor da UDC, Julio Abalde. 


Os premios “Galicia Renovable” pretenden visibilizar as distintas perspectivas da transición enerxética e o seu impacto en Galicia. Para esta edición establecéronse dúas categorías: unha para Traballos de Fin de Máster (TFM), cun galardón de 1.200 euros; e outra para os Traballos de Fin de Grao (TFG), na que se outorgarán dous premios dotados de 1.000 e 750 euros respectivamente, ademais do pago da matrícula dun curso académico nun dos Másteres ofertados pola UDC. 


Os proxectos recoñecidos están relacionados coas liñas temáticas de interese da Cátedra: Galicia como rexión enerxética; o impacto do cambio climático no desenvolvemento económico e social da comunidade; solucións de eficiencia enerxética; xestión dos riscos asociados á actividade enerxética; definición e tratamento dos riscos empresariais relacionados co consumo enerxético; e solucións paisaxísticas das distintas infraestruturas enerxéticas.

 

Sobre a Cátedra Greenalia-UDC
A compañía Greenalia e a Universidade da Coruña (UDC) impulsan a posta en marcha da Cátedra de Transición Enerxética, unha iniciativa a través da cal ambas organizacións buscan promover a investigación, a divulgación e a transferencia de coñecementos sobre o impacto do cambio climático, o proceso de descarbonización e a transición enerxética, con especial atención aos seus efectos en Galicia.