Actualidade

O Concello de Xermade conta coa UDC para a rehabilitación das reitorais de Xermade e Roupar

15/09/2023

 

A UDC asinou un acordo de colaboración co Concello de Xermade para a realización do proxecto para o impulso da rehabilitación das reitorais de Xermade e Roupar, que serán destinadas a usos socioculturais e asistenciais. A profesora Luz Paz Agras, do Grupo de Investigación en Composición Arquitectónica e Patrimonio (GICAP) da UDC é a directora técnica do proxecto.


Por unha parte, a rehabilitación da Reitoral de Xermade permitirá destinar este inmoble a un uso público de carácter cultural, cun espazo dedicado a exposición permanente da torneiría, oficio tradicional de grande importancia no municipio. Por outra banda, a Reitoral de Roupar rehabilitarase e ampliarase para uso asistencial, poñendo en marcha o proxecto “Casa da Veciñanza de Roupar”, partindo do prototipo de equipamento dotacional para maiores no rural galego realizado por un equipo multidisciplinar de docentes da UDC no ano 2021.