Actualidade

A UDC colabora con Repsol nun proxecto para o almacenamento xeolóxico de CO2

15/09/2023

 

Un equipo de investigadores do Laboratorio de Mecánica de Rocas da Universidade da Coruña (LaMeRoc), liderado polo profesor Jorge Delgado Martín, participa nun proxecto de Repsol en colaboración con LafargeHolcim, para investigar a integridade das vainas a base de cemento para aplicacións de almacenamento de CO2. LaMeRoc proporcionará o soporte técnico para desenvolver unha serie de tarefas experimentais enfocadas á investigación dos mecanismos de fallo da vaina de cemento baixo ataque de CO2 en condicións de fondo de pozo. 

 

O equipo da UDC encargarase, na primeira fase, de realizar ensaios de caracterización que servirán como estudo de referencia útil para comparar o comportamento dos materiais cementosos tras a súa exposición a altas concentracións de CO2. Na segunda fase, desenvolverá unha serie de ensaios de caracterización de exposición e post-exposición. 

 

As tecnoloxías de captura e almacenamento de carbono (CAC) atópanse no núcleo das tecnoloxías potenciais susceptibles de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro. Existe unha gran variedade de opcións potenciais de almacenamento de CO2, como xacementos salinos profundos e xacementos esgotados de petróleo e gas, pero algúns cementos convencionais utilizados en pozos petrolíferos poden non ser adecuados para a CAC, xa que poden non ser compatibles coa exposición a longo prazo a altas concentracións de CO2 en determinadas condicións.

 

Polo tanto, é necesario atopar solucións de cementación sólidas que proporcionen a integridade necesaria a longo prazo ao revestimento de cemento e ao tapón nos pozos de CAC. Para iso, Repsol encargou a LaMeRoc esta investigación, debido ao seu amplo coñecemento e experiencia contrastada no ámbito.