Actualidade

Éxito de participación no primeiro campamento inclusivo galego, Campus de Verán Gallaecia

09/08/2023

 

A vicerreitora de Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, clausurou o venres 7 de xullo, na aula Sénior do edificio NORMAL (Campus de Riazor), o primeiro campamento inclusivo galego, Campus de Verán Gallaecia.

 

No acto de clausura participaron ademais a xefa da Dirección de Universidades da Fundación ONCE, Silvia Lucía Duarte; a directora da área de Equidade e Diversidade da Universidade de Vigo, Henar Quintas; o presidente de ENKI, Ángel López, e a directora do campus, a profesora da UDC, Thais Pousada.

 

O Campus de Verán Gallaecia é unha proposta de campamento inclusivo liderada pola UDC xunto coa colaboración de varias entidades de atención a persoas con discapacidade intelectual, como a Fundación ONCE, Universidade de Vigo, Fundación Abrente – Proxecto ENKI, a Asociación de Síndrome de Down Ourense e a AMPA Mil Nen@s do CEIP Emilia Pardo Bazán de A Coruña.

 

O Campus, celebrado do 1 ao 9 de xullo, no que participaron 27 estudantes, pretende ofrecer unha oportunidade a persoas mozas con discapacidade intelectual para que participen nunha experiencia de convivencia, onde se combinarán actividades de formación e orientación vocacional, creatividade e empoderamento para o uso das novas tecnoloxías, así como propostas de lecer e esparexemento. Os participantes pernoctaron na Residencia Universitaria Elvira Bao e durante as mañás desenvolveron actividades de formación en empregabilidade, habilidades persoais e sociais, TIC e creatividade, mentres que polas tardes e fin de semana participaron en diferentes actividades lúdicas e deportivas.