Actualidade

A Cátedra Epifanio Campo UDC convoca uns premios aos mellores proxectos de investigación que avancen na xestión de residuos industriais

15/06/2023

 

A Cátedra Epifanio Campo convoca os II Premios de Investigación Epifanio Campo, inspirados na figura do empresario e seguindo o seu legado de responsabilidade ambiental e compromiso coa economía circular. A finalidade dos Premios é a de impulsar e premiar a investigación relacionada coa xestión e valorización dos residuos xerados pola actividade industrial, como parte dunha economía circular que axude á protección do medio ambiente.

 

Outorgaranse un primeiro premio de 6.000€ e un segundo premio de 4.000€ aos mellores proxectos de investigación que supoñan un avance significativo na xestión e valorización dos residuos industriais para un desenvolvemento máis sostible.

 

Os interesados en participar nesta convocatoria poden facelo de forma individual na seguinte ligazón ou en grupo e deberán estar incluídos no Catálogo de Investigación da Universidade da Coruña, na data en que acaba o prazo de recepción de solicitudes da presente convocatoria. Tamén poderán participar os estudantes matriculados no curso 2022-2023 en programas de doutoramento ou en traballos fin de grao ou máster da Universidade da Coruña que realizasen tarefas de investigación asociadas a ese proxecto, sempre que vaian acompañados de polo menos outro solicitante que estea incluído no Catálogo de Investigación da Universidade da Coruña. O prazo de recepción de solicitudes remata o 17 de setembro de 2023. 

 

Consulta aquí máis información e as bases desta convocatoria