Actualidade

Nace o Campus de Verán Gallaecia, liderado pola UDC para promover a inclusión sociolaboral de persoas con discapacidade intelectual

23/05/2023

​A Universidade da Coruña abriu ata o 15 de xuño o prazo de inscrición ao Campus de Verán Gallaecia, unha iniciativa que se celebra por primeira vez este ano e que está financiada pola Fundación ONCE. A actividade, de carácter gratuíto, está impulsada desde o programa Espazo Compartido que dirixe a profesora Thais Pousada, da Facultade de Ciencias da Saúde.

 

O obxectivo deste Campus é crear un espazo de convivencia e participación para a formación e o lecer das persoas con discapacidade intelectual, e contribuír, á vez, ao seu desenvolvemento persoal, profesional e social das persoas participantes.

 

Xunto á Universidade da Coruña (UDC), neste campamento colaboran varias entidades con experiencia na atención a persoas con discapacidade intelectual: Universidade de Vigo (UVigo), Fundación Abrente – Proxecto ENKI, e a Asociación de Síndrome de Down Ourense.

 

O Campus de Verán Gallaecia de celebrará no campus coruñés do 1 ao 9 de xullo e oferta 34 prazas. Combinará actividades de formación e orientación vocacional, de creatividade e empoderamento para o uso das novas tecnoloxías, e propostas de lecer e esparexemento, con diversas saídas na área metropolitana da Coruña e Costa da Morte. Todas as persoas participantes aloxaranse na Residencia Universitaria Elvira Bao (UDC - Campus de Riazor). 

 

Trátase da primeira actividade destas características en Galicia, dirixida de forma específica a persoas mozas que se atopan nun período de formación laboral e orientación vocacional e que buscan emprego de forma activa ou que acaban de atopar a súa primeira oportunidade laboral. 

 

Do mesmo xeito que o público destinatario de Espazo Compartido, o campus de verán diríxese a persoas mozas de entre 18 e 30 anos que teñan acreditado un diagnóstico de discapacidade intelectual, do desenvolvemento ou de trastorno de espectro do autismo. Así mesmo, deben estar inscritas no Sistema de Garantía Xuvenil de forma previa ao desenvolvemento do campus. 

 

O prazo de inscrición está aberto desde o 2 de maio ata o 14 de xuño de 2023. Toda a información sobre a inscrición está dispoñible nesta ligazón e para calquera dúbida pódese contactar no correo programa.ecompartido@udc.es.

 

A participación no Campus de Verán Gallaecia é gratuíta grazas ao apoio do Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a iniciativa de emprego xuvenil Campus de Verán Unidiversidad. 

 

Programa Espazo Compartido 
O programa Espazo Compartido, pioneiro no sistema universitario autonómico e un dos primeiros a nivel nacional, incorpora ás persoas con discapacidade cognitiva no espazo formativo universitario. Para o curso 2023/2024 inscribíronse 21 persoas e na primeira quincena de xuño levará a cabo o proceso de selección de participantes ata cubrir as 18 prazas dispoñibles.

 

De dous anos académicos de duración, a formación regrada deste programa combina materias teóricas e prácticas, cun total de 72 créditos (1.800 horas), dos cales 7 créditos (175 horas) correspóndense con prácticas en empresas, dirixidas a adquirir capacitación en tarefas administrativas, de atención ao público, ou de reposición de artigos de venda, entre outros traballos, ademais de fortalecer as súas habilidades sociais e persoais. O obxectivo final é empoderar ás persoas con este tipo de discapacidade para que acrecenten a súa autonomía e calidade de vida todo o posible. 

 

Novas tecnoloxías para a inclusión de persoas con discapacidade

Xunto ao traballo que desenvolve en Espazo Compartido, a profesora Thais Pousada segue impulsando a inclusión das persoas con discapacidade intelectual mediante as novas tecnoloxías e como investigadora do CITIC, onde lidera o proxecto de realidade virtual do doutorando Manuel Lagos.

 

Baixo estes traballos están a desenvolverse novos escenarios de aparencia real, vinculados a actividades instrumentais da vida diaria. As persoas beneficiarias poden interactuar con diversos elementos dun modo similar ao que sucedería no mundo real e así desenvolver as destrezas necesarias para a súa día a día, como comprar nun supermercado ou facer unha cama.  

 

Este ano, desde o CITIC púxose en marcha o Laboratorio de Realidade Virtual e Localización, cunha dotación da plataforma rodante Virtuix Omni Prol, o sistema de localización e monitorización do movemento OptiTrack, e unhas lentes de realidade virtual HTC VIVE Prol 2. Esta sala é posible grazas ao financiamento da propia Universidade da Coruña e a Xunta de Galicia (Consellería de Educación, Universidades e Formación Profesional), a través do convenio de actividades para centros de investigación.