Actualidade

A cátedra Greenalia-UDC para a Transición Enerxética organiza un foro sobre novos empregos dentro do sector enerxético

28/04/2023

 

A Cátedra Greenalia UDC para a Transición Enerxética organiza un foro sobre os retos da transición enerxética e os novos perfís académicos que serán necesarios para abordar os cambios que se producirán nos próximos anos dentro do sector enerxético.

 

O foro, aberto, especialmente para o alumnado universitario, terá lugar o vindeiro luns 8 de maio a partir das 11 horas no Salón de Actos do Campus Industrial UDC de Esteiro (Ferrol). 

 

O obxectivo central da xornada é poñer sobre a mesa as principais demandas do sector na captación de talento. Nun contexto de desenvolvemento global das diferentes tecnoloxías de renovables, prevese un importante nicho de mercado en novas cualificacións industriais. Un crecemento que se estima tanto por parte dos promotores enerxéticos como por parte de moitas outras empresas que forman parte da cadea de valor (desde montaxes, loxística, deseño… ) onde os compoñentes de innovación tecnolóxica e dixitalización xogan un papel destacado.  

 

Tras as intervencións por parte da vicerreitora do Campus de Ferrol, María Jesús Movilla; da directora do campus, Ana Isabel Ares Pernas e do director da cátedra, Fernando de Llano, terá lugar a mesa de debate de empresas do sector, onde cada un deles expoñerá as necesidades nas diferentes áreas industriais relacionadas coa enerxía e a súa incidencia en Galicia. 

 

Nese coloquio estarán, Rebeca Acebrón, CEO de Acebrón Group; Anxo Fernández, director comercial e de estratexia competitiva (MPs) de Seanergies-Navantia; Julio Arca, CEO e director financeiro de Genesal Energy; e Beatriz Mato, CSO e conselleira executiva de Greenalia.  

 

Inscríbete aquí 

 

Sobre a Cátedra
A compañía Greenalia e a UDC (Universidade de Coruña) impulsan a Cátedra de Transición Enerxética. Unha iniciativa coa que se prevé a transferencia de coñecementos sobre o impacto do cambio climático, o proceso de descarbonización e a transición enerxética, con especial atención aos seus efectos na CCAA de Galicia.