Actualidade

A cátedra ALDABA-WIB pon en marcha VisibilizaTIC en centros escolares de Ourense, A Coruña e arredores

21/04/2023

 

A Cátedra Interuniversitaria ALDABA-WIB (Women, ICT & Business), consciente de que a etapa de bacharelato é crucial para o desenvolvemento vocacional, está a impartir entre marzo e maio charlas en varios colexios de Ourense, A Coruña e arredores.

 

Estas están enfocadas aos cursos de 1º e 2º de bacharelato, especialmente da modalidade “Ciencias e Tecnoloxía”, co obxectivo de impulsar a vocación en tecnoloxías e informática entre o alumnado, sobre todo feminino. Trátase de seguir derrubando prexuízos relacionados coas titulacións tecnolóxicas e visibilizar as diferentes temáticas nas que se pode impactar traballando en tecnoloxía: saúde, medioambiente, industria…


Algunhas destas charlas están a ser impartidas por alumnas da FIC e a ESEI, outras polas directoras da Cátedra, tanto da UDC como da UVigo, e tamén participaron profesionais en activo de ALDABA, algunhas das cales son exalumnas destas universidades. Neste proxecto a Cátedra contou coa colaboración tanto do grupo Hello Sisters! – iniciativa vinculada á UDC que nace para axudar a futuras enxeñeiras informáticas no seu desenvolvemento público e técnico – como da Delegación de alumnos e alumnas da ESEI.


Algúns dos colexios que xa participaron nesta iniciativa son o Colexio Plurilingüe Compañía de María e o Colexio Santo Domingo PP Dominicos, da Coruña, e o IES Eduardo Branco Amor, de Ourense.