Actualidade

A Cátedra Hijos de Rivera promove xerar bioplástico a partir do bagazo de cervexa

25/03/2023

 

A Cátedra Hijos de Rivera–UDC de Desenvolvemento Sostible continúa co seu compromiso de fomentar a actividade económica competitiva e sostible, neste caso impulsando un proxecto de investigación baseado no aproveitamento dos subprodutos e residuos procedentes da actividade industrial para transformalos, mediante procesos químicos e biolóxicos, noutros produtos de alto valor engadido.

 

O proxecto “Estudio de valorización del bagazo para la producción de ácidos grasos volátiles (AGV) Fase II” baséase na valorización do bagazo de cervexa mediante a súa conversión  en ácidos graxos volátiles, de elevado interese industrial, que ademais poden empregarse na produción de polímeros biodegradables ou bioplásticos, concretamente  polihidroxialcanoatos (PHA).

 

María del Carmen Veiga Barbazán é a investigadora principal deste proxecto levado a cabo do 1 de xullo ao 31 de outubro de 2022 polo Grupo de Bioenxeñería Ambiental e Control de Calidade (BIOENGIN), pertencente ao Departamento de Química da Facultade de Ciencias da UDC.

 

Unha alternativa sostible aos plásticos de fontes fósiles

O bagazo é un subproduto resultante da preparación do mosto xerado na industria da cervexa, composto principalmente por celulosa, hemicelulosa e lignina, moi apto para ser valorizado ata obter ácidos graxos volátiles e bioplásticos, converténdoo nunha alternativa sostible fronte ao grave impacto ambiental derivado do uso de plásticos de orixe fósil. 

 

Aproveitando o alto contido de azucres e proteínas do bagazo, os experimentos realizados neste proxecto obtiveron valores de en torno ao 70% de conversión en ácidos graxos volátiles, a partir dos cales se poden producir bio plásticos mediante cultivos de microorganismos. Concretamente, pódense xerar polihidroxialcanoatos, un tipo de bioplástico en auxe xa que son poliésteres con propiedades fisicoquímicas similares aos plásticos convencionais.