Actualidade

A fundación Deporte Galego, a través da cátedra SXD Galicia Activa, dirección xeral de Asistencia Sanitaria e a dirección xeral de Saúde Pública colaboran no proyecto Adestra a túa saúde

25/01/2023

O plan "Adestra a túa saúde", que nace co obxectivo de abranguer a toda a comunidade, leva algo máis dun ano implantado a modo de proba piloto nos concellos coruñeses nos servizos de atención primaria dos concellos de Arteixo e Abegondo e preténdese que durante este 2023 se faga oficial noutros municipios. 

 

Está dirixido, principalmente, ás persoas maiores de 60 anos, sas ou con factores de risco cardiovascular –padecer diabetes, hipertensión, dislipemia, obesidade, sobrepreso ou sedentarismo-, Adestra a túa saúde pretende mellorar a calidade de vida e afondar na prevención da fraxilidade destas persoas, a través da práctica de exercicio.

 

É un plan a tres bandas no que participan á dirección xeral de Asistencia Sanitaria, a dirección xeral de Saúde Pública e a Fundación Deporte Galego (a través da cátedra SXD Galicia Activa) co ánimo de promover a actividade física entre os galegos e as galegas. Son os profesionais sanitarios do centro de saúde –persoal médico, enfermeiro e fisioterapeuta- os que detectan ás persoas destinatarias e as invitan a participan no programa. Se a resposta é afirmativa, remíteselles, entón, a un promotor de exercicio físico do concello, quen será o encargado de avaliar a súa condición física e quen acordará con ela o tipo de exercicio, tendo en conta as recomendacións do persoal sanitario e os servizos dispoñibles no concello.

 

A Xunta financia a disposición dun sistema dixital que dea soporte a este plan de prescrición de exercicio físico, cursos de formación específicos para educadores físicos e persoal sanitario ou unidades de prescrición de exercicio. Deste xeito, tanto na avaliación inicial das condicións físicas dos usuarios como no seu seguimento empregarase a plataforma Datos sobre a Valoración da Condición Física Saudable (D.A.F.I.S.), que a Fundación Deporte Galego xa viña aplicando no ámbito escolar no marco do Plan de Fomento de Actividade Física Galicia Saudable e que foi recoñecida pola Organización Mundial da Saúde como boa práctica nos países do marco europeo.

 

O primeiro dos cursos dirixidos aos médicos terá lugar entre o 29 de marzo e o 10 de maio. Con posterioridade haberá tres edicións máis: entre o 18 de maio e o 29 de xuño, entre o 18 de setembro e o 30 de outubro e entre o 31 de outubro e o 12 de decembro. 

 

Plan de Obesidade Zero

O plan Adestra a túa saúde forma parte do Plan de Obesidade Zero, presentado recentemente polo Executivo galego, e coordinado pola Dirección Xeral de Saúde Pública. Trátase dun plan de acción para a prevención do sobrepeso e a obesidade, dende unha perspectiva de saúde pública, e que contempla un horizonte temporal de oito anos, orientado á mellora continua das cifras de sobrepeso e obesidade da cidadanía galega mediante a adopción dun estilo de vida saudable.O obxectivo marcado no Plan de Obesidade, –sinalou o conselleiro–, é reducir o sobrepeso nun 15% no 2030, o que supón que ao redor de 190.000 galegos e galegas deixen de ter sobrepeso ou obesidade, establecendo unhas etapas intermedias nos anos 2024 e 2026.

 

Un proxecto piloto en dúas fases
Precisamente, Adestra a túa saúde activouse a mediados do pasado mes de febreiro en Arteixo e Abegondo, xa que ambos os dous contan con profesional promotor de exercicio físico, figura fundamental no desenvolvemento deste plan. A previsión é acadar os 60 usuarios inscritos no programa a mediados deste ano. Tendo en conta o perfil do usuario, o programa está dirixido ás máis de 7.000 persoas maiores de 60 anos que residen nestes dous municipios.

 

O obxectivo do Goberno galego é adaptar dito programa á realidade de cada un dos concellos de Galicia. Durante este primeiro semestre de 2022, avanzarase na definición do programa, para, nos seguintes seis meses, estudar a súa implantación nos 14 servizos de atención primaria que contan con plan de saúde local.

 

A raíz da experiencia deste primeiro ano en funcionamento, a Xunta estudará a súa extensión ao resto de servizos de atención primaria da nosa Comunidade. Preténdese crear, deste xeito, unha rede sociosanitaria comunitaria para a prescrición e o seguimento da actividade física neste segmento da poboación galega, facendo uso dos recursos xa existentes no municipio e desde a coordinación e o traballo conxunto de todos os axentes implicados.

 

Un curso para graduados en educación física

Dentro deste plan estratéxido de formación en deporte e saúde, a Xunta traballa coa Universidade da Coruña na cración dun título de especialistas para graduados en educación física que lles sirva para exercer de ponte entre os sanitarios e os pacientes.