Actualidade

O profesor Fernando de Llano asume a dirección da cátedra Greenalia-UDC para a transición enerxética

20/12/2022

O profesor Fernando de Llano foi designado director da Cátedra Greenalia-UDC para a Transición Enerxética, cuxo principal obxectivo é a investigación, divulgación e transferencia de coñecementos sobre o impacto do cambio climático, o proceso de descarbonización e a transición enerxética, con especial atención aos seus efectos en nosa CCAA.

 

Fernando de Llano é doutor Internacional en Economía pola UDC e profesor e investigador do Departamento de Empresa da Universidade da Coruña. Coordinador do Grupo de Investigación en Regulación, Economía e Finanzas da UDC, é membro do Foro Enerxético de Galicia. Con distintas investigacións na área enerxética, de transición e política enerxética da UE, foi considerado pola UDC e Greenalia o perfil idóneo para dirixir esta cátedra que empeza a súa andaina cun marco temporal de catro anos. Unha vez realizado este nomeamento procederase á posta en marcha do plan de actividades anuais que se iniciará nunhas semanas. 

 

A través das distintas actividades a desenvolver no marco da cátedra abordaranse proxectos de investigación, formación e análise centradas no proceso de descarbonización, a loita contra o quecemento global e a procura de novos sistemas e aplicacións en prol dunha transición máis inclusiva, igualitaria e xusta. Temas de máxima relevancia para o presente e futuro do noso Planeta. 

 

Sobre a Cátedra
A compañía Greenalia e a UDC (Universidade da Coruña) impulsan a Cátedra de Transición Enerxética. Unha iniciativa coa que se prevé a transferencia de coñecementos sobre o impacto do cambio climático, o proceso de descarbonización e a transición enerxética, con especial atención aos seus efectos en nosa CCAA. 

 

A estes obxectivos súmase un fundamental para ambas as entidades: o impulso para crear novo talento nestas materias, pois o emprego verde precisará cada vez máis, de máis e mellores especialistas.  Para iso, a produtora de renovables con sede na Coruña financia as distintas actividades que se planifiquen anualmente no marco desta Cátedra que terá unha duración prevista de 4 anos.