Actualidade

Docentes e investigadores da área de Urbanística e Ordenación do Territorio a nivel nacional reunense o 26 e 27 de xaneiro na Coruña

17/01/2023

O Museo de Belas Artes de Coruña acollerá o vindeiro 26 e 27 de xaneiro de 2023 o 4º Encontro AUoT de profesorado da área Urbanística e Ordenación do Territorio, organizado polo Departamento de Proxectos Arquitectónicos Urbanismo e Composición (DPAUC) da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña e do grupo de investigación Galicia, Ciudad e Territorio (GCeT). Estas xornadas científicas, nas que participan docentes e investigadors da área de Urbanística e Ordenación do Territorio a nivel nacional, están dirixidas a docentes e investigadores da área de Urbanística e Ordenación do Territorio, así como a amantes da arquitectura. O prazo de inscrición para asistir en modalidade presencial ou en liña está aberto ata o xoves 19 de xaneiro.

 

O encontro plantéxase como un punto de inflexión: por un lado, unha recapitulación das aportacións realizadas ata a data e por outro lado unha reflexión sobre os pasos a dar nun futuro. 

 

Conta co patrocinio da Xunta de Galicia en concreto da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o Museo de Belas Artes da Coruña e da Autoridade Portuaria da Coruña.

 

Neste cuarto encontro introdúcense unha serie de actividades paralelas que acompañan o programa de carácter máis “oficial” e terán lugar o xoves 26 de xaneiro de 2023 a partir das 17:30h. Inclúen unha visita ao Museo de Belas Artes onde se proxectará a cortometraxe “En el territorio de la arquitectura, Manuel Gallego” de Pablo Gallego Picard.

 

O documental narra, a modo de viaxe introspectivo, o proceso do proxecto de cinco obras do arquitecto Manuel Gallego, entrelazadas polo tempo, polo territorio de Galicia e polo pensamento do arquitecto.

 

Seguido dunha mesa redonda onde participarán os arquitectos Pablo Gallego Picard, Victor López Cotelo e Manuel Gallego Jorreto, moderado polo coordinador das xornadas e arquitecto da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, Jesús Conde García. Rematando o día cunha cea nun local de hostalería próximo a partir das 21:30h.

 

A seguinte xornada do día 27 de xaneiro está organizada en tres mesas: duas na mañá, que comezan as 10:00h e unha na tarde, a partir das 16:15h. A mesa titulada “50 años de docencia e investigación urbanística”, é unha clara homenaxe aos 50 anos da fundación da ETSAC que se conmemora no 2023, pon o acento no camiño percorrido. Nesta mesa participan, da Escola de Arquitectura da Coruña (ETSAC), os arquitectos Jose Juan Gonzalez-Cebrian Tello e Jorge Rodríguez Álvarez; da Escola Tècnica Superior d'Arquitectura de Barcelona (ETSAB), o doutor arquitecto Carles Llop Torné e a Directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas Díaz.

 

A segunda mesa titulada:“Paisaje y emergencia climática. Las ciudades portuarias como ejemplo” céntrase nalgúns dos máis perentorios retos que expón o futuro inmediato e que incumben á nosa área de modo imperativo. Nesta mesa participan da Escola de Arquitectura da Coruña (ETSAC), os arquitectos Enrique Seoane Prado e Cristina García Fontán; da Escola Politécnica Superior de Alicante, a arquitecta Clara García Mayor e da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade Málaga, a arquitecta Juana María Sánchez Gómez.

 

Por último, reservamos a tarde para a mesa titulada "Colectivo de profesorado AUoT", que debaterá sobre a evolución futura dos encontros de profesorado de urbanística AUoT, e as expectativas do colectivo, dando conta das diversas posibilidades exploradas durante este último ano polo grupo de traballo constituído para ese efecto, e que esperamos propicien un debate frutífero para seguir construíndo a senda iniciada ao longo destes catro ENCONTROS. Nesta mesa participan da Escola de Arquitectura da Universidade de Alicante, a arquitecta Almudena Nolasco Cirugeda; da Universidad Politécnica de Cartagena, Fernando Miguel García Martín; da Escola Técnica de Superior de Arquitectura da Universidade Politécnica de Valencia, Rafael Temes Cordovez e coordinador das xornadas e arquitecto da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, Jesús Conde García.

 

Os interesados en participar, na modalidade presencial ou online poden inscribirse a través do seguinte formulario ata o xoves 19 de xaneiro de 2023.

 

Inscríbete aquí 

 

Máis información en https://www.fundacion.udc.es/4-encuentro-profesorado-auot-coruna/