Actualidade

A Cátedra Epifanio Campo emite o fallo para premiar as mellores propostas multimedia para divulgar os valores da economía circular

22/11/2022

O tribunal do Primeiro Premio de Divulgación Científica Epifanio Campo vén de emitir o fallo deste galardón, promovido pola Cátedra Epifanio Campo da Universidade da Coruña, co obxectivo de promover a investigación e o coñecemento no ámbito da economía circular dentro do colectivo universitario.


O premio principal, dotado con 1.200 euros, foi concedido a Adela Ríos Gómez. Trátase dunha coidada ilustración na que a alumna propón unha reflexión visual sobre o contraste entre a paisaxe que xerarían unhas boas prácticas en economía circular e a que derivaría dunha mala xestión neste ámbito. Tamén se concederon accésit en diferentes categorías: a que recoñece a orixinalidade da proposta multimedia, dotada con 300 euros, foi para o traballo de Coral de la Rosa Valero e Iago Fernández Garrido. Outro dos accésit, que premia a capacidade de divulgación e sensibilización da proposta multimedia, está dotado tamén con 300 euros, foi para a proposta de Raúl Robles Iglesias. O terceiro accésit, que recoñece a calidade técnica, foi para  a proposta multimedia presentada por Ignacio Manrique Fernández.

 

O tribunal estivo formado, en representación do grupo Rodonita, promotor da Cátedra Epifanio Campo, polo conselleiro delegado da compañía, Jacobo Campo; o director xeral de Rodonita Medio Ambiente, Antonio Roncero, e o director de Comunicación do grupo, Carlos Luis Rodríguez. Representando á Universidade da Coruña participaron a directora da Cátedra Epifanio Campo, María de la Paz Mateo; a adxunta de Transferencia, Sonia Zaragoza, e a xestora de Comunicación do Campus Industrial de Ferrol, Yolanda Fernández. Todos os membros coincidiron en resaltar a alta calidade dos proxectos presentados a esta convocatoria.


A primeira edición deste premio, co que se lle rende homenaxe a Epifanio Campo, pioneiro no ámbito da economía circular e a xestión ambiental e fundador do Grupo Rodonita, contou coa participación de 60 estudantes de grao, máster e programa de doutoramento da Universidade da Coruña. Os proxectos presentados centraron a súa proposta na imaxe cun enfoque didáctico, nas que se divulgan aspectos relacionados coa economía circular, a auga, a enerxía e a xestión e valorización dos residuos industriais. O formato de presentación dos proxectos foi moi diverso, con pezas multimedia, tanto en fotografía como en infografía, ilustración, vídeo ou animación 2D e 3D, dos que se valoraron fundamentalmente a calidade, a orixinalidade ou o enfoque da mensaxe que se quere transmitir. Esta nova iniciativa enmárcase no obxectivo fundamental da cátedra, constituída en 2019, que se centra no fomento da investigación, a formación e a divulgación no ámbito do medio ambiente, a sustentabilidade e a xestión de residuos. No caso deste premio, a finalidade é impulsar e recoñecer a participación do alumnado da Universidade da Coruña no ámbito da sustentabilidade e o coidado do medio ambiente


Cátedra EPIFANIO CAMPO

O 14 de novembro de 2019, a Universidade da Coruña e o Grupo Rodonita subscribiron un Convenio de colaboración para o desenvolvemento da Cátedra Epifanio Campo, adscrita á Escola Politécnica Superior da Universidade da Coruña, no Campus de Ferrol. O seu ámbito de actuación é o medio ambiente, a xestión de residuos e a sostenibilidade. Os obxectivos da cátedra céntranse en promocionar todo tipo de actividades de formación, divulgación, investigación e transferencia de coñecemento, relacionadas coa xestión medioambiental

 

RODONITA Medio Ambiente

RODONITA é a sociedade cabeceira dun holding empresarial formado por múltiples empresas e con ampla presenza e implantación en diversos sectores como a enerxía, o medio ambiente e residuos así como materiais de construción, hostaleiro, vitivinicultura, acuicultura ou sector servizos. A división ambiental do Grupo está liderada polas sociedades PMA, SOGARISA e CONTECO, especializadas na xestión integral de residuos e servizos ambientais. Conforman un grupo empresarial competitivo, dinámico e socialmente responsable, capaz de gañar tamaño e implantación e reforzar a súa posición no mercado nacional.

 

PMA (Protección Medio Ambiental, SL), que inicia a súa actividade en 1991, está especializada na recollida itinerante e capilar de residuos procedentes do sector industrial e talleres de automoción. Pola súa banda, SOGARISA (UTE PMA- CONTECO), é a entidade concesionaria da explotación do CTRIG (Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia), infraestrutura pública titularidade da Xunta de Galicia, situada no Polígono das Somozas e referente a nivel nacional no tratamento e eliminación de residuos industriais perigosos. Por último, CONTECO (Contenedores da Coruña), empresa coruñesa fundada en 1985, está especializada na recollida, transporte e xestión integral de residuos de construción e demolición e residuos industriais non-perigosos.