Actualidade

A Cátedra de Empresa Familiar organiza a mesa redonda “Xestión en feminino: logros e retos” na Facultade de Economía e Empresa da UDC

24/11/2022

A Cátedra de Empresa Familiar da UDC organiza unha mesa redonda titulada “Xestión en feminino: logros e retos”, que será moderada por Berta Rivera, directora da cátedra, e terá lugar mañá venres 25 ás 10:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña.
 
 
O acto, dirixido ao público xeral e de acceso libre ata completar aforo, contará cos seguintes participantes e relatorios:
  • “Son as empresas familiares unha contorna propicia para o empoderamento da muller?”, a cargo de Amaia Maseda, da Cátedra de Empresa Familiar da UPV-EHU.
  • “A diversidade de xénero e as atribucións egoístas no informe de xestión”, por parte de América Álvarez, do Grupo de Investigación en Regulación, Economía e Finanzas da UDC.
  • “Integración da perspectiva de xénero non orzamento da UE desde a óptica do control externo do Tribunal de Contas Europeo”, a cargo de Anxo Calvo, conselleiro do Consello de Contas de Galicia.
 
Sobre a Cátedra de Empresa Familiar da UDC
A Cátedra da Empresa Familiar da Universidade da Coruña naceu en 2005 mediante un convenio de colaboración entre a Universidade e o Instituto de Empresa Familiar, co patrocinio da antiga Caixanova, Inditex e a Asociación Galega da Empresa Familiar. Este convenio recoñecía a especial significación e a importancia estratéxica da empresa familiar para a economía e a sociedade españolas, e de maneira particular, de Galicia. A cátedra foi impulsada coa finalidade de promover a docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento respecto ás características diferenciais das empresas familiares e ás distintas problemáticas que afectan á súa xestión e crecemento.