Actualidade

A cátedra CICAS promove a investigación en I+D e a formación de enxeñeiros informáticos en Galicia

21/11/2022

A cátedra CICAS co obxecto de potenciar o desenvolvemento de Traballos de Fin de Grao (TFG) no eido de actuación das TIC lanza unha convocatoria de axudas para a realización de TFG do Grao en Enxeñaría Informática (GEI) ou do Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos (GECD) da Facultade de Informática da UDC. Esta iniciativa lévase a cabo con cargo ao orzamento da cátedra CICAS, financiada pola empresa Corunet by Sngular.

 

Dotaránse un máximo de 4 axudas, de 1.200 euros cada unha, a estudantes da Facultade de Informática da UDC co obxectivo de desenvolver TFG que contemplen o desenvolvemento de software e teñan utilidade científica, ademáis de resultar de utilidade para o desenvolvemento de labores de investigación científica ou contribuir ao avance do estado de práctica en cando ao uso de software no campo científico se refire.

 

As persoas seleccionadas poderán optar a unha axuda extraordinaria para a difusión aberta de resultados dos seus traballos, tales como a presentación ou relatorio nun evento, workshop ou conferencia científica que lles axude a sufragar os gastos de asistencia a mesma. 

 

O prazo de presentación de solicitudes comeza o 21 de novembro ata o 5 de decembro de 2022. Os estudantes da Facultade de Informática da Universidade da Coruña interesados poderán presentar a súa solicitude a través do correo electrónico da cátedra: catedra.cicas@udc.gal.

 

Para máis información e bases da convocatoria preme aquí. 

 

Sobre a Cátedra CICAS

A Cátedra Corunet polo impulso da ciencia aberta a través do software creouse en marzo de 2022 e nace coa finalidade de tender pontes entre o persoal informático e científico para mellorar o software e contribuír a reproducibilidade da ciencia fomentando o acceso aberto a ese software científico. A súa creación estivo motivada con motivo de que a tecnoloxía en xeral, e o software en particular cambiou a forma en que se fai ciencia pois desde a recollida de datos e realización de experimentos ata a análise de resultados todo está apoiado en software. Non obstante, este software científico non pode reutilizarse facilmente dun proxecto de investigación a outro porque non se fai pensando na súa reutilización.

 

A Cátedra ten como obxectivos estratéxicos:

- Poñer en valor a transcendencia que ten o desenvolvemento de software como motor da I+D+i nos seus diversos eidos.

- Apostar pola calidade, a sustentabilidade e a transferencia efectiva á sociedade das ferramentas de software empregadas na investigación, contribuíndo a fomentar o novo paradigma industrial 4.0.

- Promover o código e ciencia abertas e a colaboración entre a comunidade de desenvolvemento de software e a comunidade investigadora.

- Contribuír á consolidación da Coruña como un referente galego, nacional e internacional no ámbito do desenvolvemento de software e das tecnoloxías da información.