Actualidade

A Cátedra Ghenova-Universidade da Coruña organizará o IV Congreso Iberoamericano de Ingeniería Naval o vindeiro ano en Sevilla

18/10/2022

O encontro celebrarase en outubro de 2023 e suporá unha ponte marítima entre Europa e América, promovendo a industria naval entre ambos os dous continentes. Será o cuarto congreso destas características que se organice desde 1977.

 

Sevilla será a cidade encargada de acoller o IV Congreso Iberoamericano de Ingeniería Naval, despois de que a asemblea do IPIN AMERICAS “Instituto Panamericano de Ingeniería Naval” acordase na Habana (Cuba) o pasado mes de setembro celebralo na capital hispalense os días 3, 4 e 5 de outubro do próximo ano 2023.

 

Investigadores e académicos de universidades e centros de desenvolvemento tecnolóxico, así como autoridades, especialistas e representantes de Armadas, armadores, estaleiros, portos, enxeñerías, industria, sociedades de clasificación e autoridades do sector, debaterán durante tres días en encontros, xornadas técnicas e foros o futuro do sector e o seu impacto na sociedade e o planeta.

 

O primeiro congreso Iberoamericano destas características celebrouse en Sevilla e Madrid en 1977, despois recolleu a testemuña a cidade portuguesa de Lisboa en 1979, o terceiro congreso celebrouse este ano na Habana coincidindo co XXVII Congreso Panamericano de Ingeniería Naval “COPINAVAL” e de novo volverá a Sevilla o próximo ano.

 

Este congreso será organizado pola “Cátedra Ghenova-Universidade da Coruña” na súa calidade de Aliado Estratéxico do IPIN AMERICAS e colaborará estreitamente coas principais institucións do sector en España e América que xa amosaron o seu interese e felicitación a Ghenova pola promoción do Congreso.

 

Así mesmo, traballarase de maneira coordinada co IPIN AMERICAS para convocar á comunidade científica, profesionais, empresas e institucións públicas que apoian e promoven o sector da Industria Naval en Iberoamérica neste importante evento na cidade de Sevilla.

 

O congreso contará cun amplo panel de expertos de recoñecido prestixio que debaterán sobre coñecementos en materia de deseño de buques militares, civís e plataformas, en aspectos específicos como son hidrodinámica, comportamento no mar, maniobrabilidade, estruturas, materiais, propulsión, automatización, navegación, medios de carga, sistemas e equipos de abordo, soporte loxístico integrado, salvamento, defensa e seguridade, procesos de produción de buques e artefactos navais; igualmente convocáronse expertos en loxística, portos e transporte marítimo.

 

Nesta liña tamén se tratarán aspectos relacionados coa eficiencia enerxética en buques, uso de combustibles con baixa pegada de carbono, eólica mariña e eólica flotante, industria offshore e finalmente o impacto da dixitalización do sector naval.

 

Por iso, tecnoloxía, diversificación, sustentabilidade, emisións cero, seguridade e dixitalización serán aspectos clave de debate e reflexión no congreso para catapultar os sectores da economía azul cara ás previsións para 2030 da Comisión Europea que estima que ata ese ano a Economía Azul crecerá ao dobre de velocidade en relación co ritmo da economía xeral, o que supón 10,8 millóns de empregos en Europa e unha facturación de 1 billón de euros.

 

Este IV Congreso Iberoamericano de Ingeniería Naval, converterase nunha ponte marítima entre España e América, estreitando os seus lazos históricos, promovendo a súa industria naval e estimulando a cooperación de institucións análogas en Iberoamérica.

 

Sobre a Cátedra Ghenova-Universidade da Coruña

A Cátedra Ghenova-UDC é resultado dun acordo asinado polo CEO de GHENOVA, Francisco Cuervas, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, en xuño de 2021.

 

Esta Cátedra ten como obxectivo propoñer actividades de formación relacionadas coa industria 4.0 e as novas tecnoloxías implicadas como a robótica, analítica, intelixencia artificial (IA), tecnoloxías cognitivas, nanotecnoloxía e internet das cousas (Iot), así como desenvolver novo coñecemento mediante a investigación nestas áreas. Tamén promove actividades de divulgación en empresas e na comunidade universitaria sobre a transformación industrial que supón a industria 4.0. En particular, fomenta a relación de colaboración co Instituto Panamericano de Ingeniería Naval, que engloba ás institucións iberoamericanas deste ámbito.

 

A Cátedra Ghenova-UDC está dirixida polo profesor Luis Carral e adscrita á Escola Politécnica de Enxeñería do campus de Ferrol da UDC.

 

Sobre GHENOVA

GHENOVA é unha empresa internacional que ofrece servizos multidisciplinares de enxeñería e consultaría con máis de 850 empregados, dos que o 80% son enxeñeiros. As liñas de negocio son Naval e Defensa, Enerxía e Industria, Transformación Dixital e Infraestruturas. Traballa en proxectos internacionais en máis de 25 países, desenvolvendo 1.400.000 horas de enxeñería e consultaría ao ano. Conta con sedes en diferentes países como Brasil, Colombia, Bolivia, Australia, EE.UU. e Reino Unido. En España ten oficinas en Madrid, Ferrol, Vigo, Cartagena, Granada, Puerto de Santa María e Sevilla, onde se atopa a sede central da compañía.

 

Sobre a UDC

A Universidade da Coruña é unha universidade nova, activa, moderna e de calidade. Conta con campus nas cidades da Coruña e Ferrol.

 

A UDC está en continua evolución, adaptando a súa oferta educativa ou implantando títulos novos que definirán as profesións do futuro. Ofrece graos con clases en inglés, dobres títulos internacionais de grao e máster e dobres graos, así como graos abertos e un grao dual. A estas opcións únese a oferta de títulos únicos ou diferenciais como o Grao bilingüe en Xestión Industrial da Moda, Grao en Paisaxe, Grao en Ciencia e Enxeñería de Datos (Big Data), Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos, Grao en Información e Documentación Dixital, Grao en Intelixencia Artificial ou o Grao bilingüe en Relacións Internacionais.

 

A UDC conta con tres grandes áreas de especialización: Campus Industrial, Campus da Sustentabilidade e Campus Innova. O Campus Industrial está especializado no ámbito industrial e naval e oceánico. Relacionado co ámbito marítimo, a Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol imparte unha ampla oferta de titulacións de Enxeñería Industrial e Naval, entre elas o Grao en Enxeñería Naval e Oceánica; o Dobre Grao en Enxeñería Mecánica e Enxeñería Naval e Oceánica ou o Máster Universitario en Enxeñería Naval e Oceánica e o Máster Universitario Erasmus Mundus en Sustentabilidade e Industria 4.0 aplicada ao Sector Marítimo, entre outros títulos.

 

Foto: O CEO de GHENOVA, Francisco Cuervas e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron na Reitoría un convenio para a creación da Cátedra GHENOVA UDC de industria 4.0.

#IngenieríaNaval #IPIN #congreso