Actualidade

O director da Cátedra Global Nebrija Santander ofrece a conferencia “Internacionalización e política económica” na UDC

30/03/2022

 

A Cátedra Luís Fernández Somoza da Universidade da Coruña organiza a conferencia “Internacionalización e política económica”, que o director da Cátedra Global Nebrija Santander, Gonzalo Solana, impartirá o vindeiro martes 5 de abril, ás 12.00 horas, na Aula Magna da Facultade de Economía e Empresa.


O relator, que será presentado polo director da Cátedra Luís Fernández Somoza, Carlos Estévez Mengotti, realizará un breve repaso da evolución recente da globalización contemporánea, destacando os cambios que trouxo consigo na economía mundial, así como as perspectivas de futuro. Durante a sesión, de asistencia libre ata completar aforo, os asistentes poderán coñecer de primeira man a análise das implicacións da internacionalización para a política económica española, así como unha serie de recomendacións na materia de acordo cos condicionantes da propia globalización.


Sobre a Cátedra Global Nebrija Santander
A Cátedra Global Nebrija Santander en internacionalización de empresas promove e coordina actividades relacionadas coa investigación e difusión do coñecemento sobre a acción exterior das empresas españolas e coa formación universitaria no desempeño internacional das compañías, identificando as súas pautas e aspectos máis relevantes, e difundindo as mellores prácticas.


Para lograr o seu obxectivo, impulsa accións como o deseño e participación en foros académicos específicos, o desenvolvemento de publicacións e coleccións, a organización de encontros formativos para estudantes e profesores e a celebración de xornadas de difusión dirixidas a pequenas e medianas empresas españolas.

 

A conferencia será retransmitida a través da seguinte ligazón.

 

A  xornada en imaxes

 

 

De esquerda a dereita, Carlos Estevez Mengotti, director da Cátedra Luis Fernández Somoza; Manuel Gómez, decano da Facultade de Economía e Empresa; Manuel Erias, Catedrático da Universidade da Coruña e Gonzalo Solana, o director da Cátedra Global Nebrija Santander.

 

 

De esquerda a dereita, Manuel Erias, Catedrático da Universidade da Coruña; Carlos Estevez Mengotti, director da Cátedra Luis Fernández Somoza; Gonzalo Solana, o director da Cátedra Global Nebrija Santander e Manuel Gómez, decano da Facultad de Economía e Empresa.