Actualidade

A Cátedra Aldaba WIB estuda a brecha de xénero nos graos de Enxeñería Informática de Galicia

24/01/2022


Un dos principais obxectivos da Cátedra ALDABA-WIB: Women, ICT & Business da Universidade da Coruña é atraer ás mulleres para que estuden carreiras TIC e se desenvolvan como profesionais en igualdade de condicións que os homes. Co obxectivo de reducir a brecha de xénero existente no sector, puxo en marcha un estudo de indicadores sobre a presenza feminina nos graos de Enxeñería Informática do Sistema Universitario de Galicia.


Baixo o título “Estudo de indicadores e accións para a mellora da brecha de xénero nos graos de Enxeñería Informática do Sistema Universitario de Galicia”, o proxecto inclúe unha axuda de 1.000 euros para a formación en actividades relacionadas coas competencias da titulación. Nesta primeira edición, a Cátedra outorgou esta axuda ao estudante do Grao en Ciencia e Enxeñería de Datos Alberto Irigoyen Mallo, que será  titorizado por parte do propio persoal da Cátedra e de ALDABA.


Entre as actividades para desenvolver no marco do proxecto atópase o deseño dun modelo de datos con información relativa a taxas de rendemento de graos de Enxeñería Informática de Galicia, a carga dos mesmos nunha ferramenta de Business Intelligence, a definición dos indicadores e o deseño dos informes e gráficas pertinentes, así como a documentación de todo o proceso. Tal e como destacan desde a Cátedra, a análise de datos realizarase “con especial atención á análise de xénero”.