Actualidade

Investigadores da UDC analizan para a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas o estado do bosque de ribeira do río Barcés, un dos afluentes do Encoro de Abegondo-Cecebre

07/01/2022

 

A Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e a Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sostible colaboran nun estudo co obxectivo de contribuír a que o Río Barcés e o seu bosque de ribeira funcionen como un corredor ecolóxico que conecte dous espazos de interese ambiental, como o Encoro Abegondo-Cecebre e a Lagoa de Meirama, contribuíndo á calidade da auga que discorre e que se consume na área de A Coruña.

 

A importancia dos bosque de ribeira
Os bosques de ribeira son formacións naturais ligadas aos ríos. O bosque é o refuxio para unha gran variedade de fauna e flora específica, proporciona alimento e enerxía e actúa como filtro de sedimentos e sustancias químicas. Ademais, asegura a estabilidade das marxes, axudando a diminuír a erosión pola acción da corrente, actúa como freo fronte as crecidas do río, retén os sedimentos, recarga os acuíferos e funciona como regulador do microclima do río, impedindo o quecemento excesivo da auga. Compre lembrar tamén que o bosque de ribeira ten un gran valor paisaxístico, recreativo e cultural. 


Sen o bosque, as marxes dos ríos carecen dun elemento protector e regulador esencial para moitas especies sensibles e procesos ecolóxicos que teñen lugar baixo o seu refuxio. A presión exercida polo ser humano pode limitar a presenza do hábitat de bosque e reducir a súa calidade, afectando aos servizos ecosistémicos que nos aporta. Entre os elementos que afectan aos bosques de ribeira están a súa substitución por cultivos agrícolas ou forestais, a transformación dos leitos, a presión pola construción de infraestruturas, a contaminación e a introdución de especies invasoras. 

 

O bosque de ribeira no río Barcés

O río Barcés é un dos principais afluentes do río Mero, xunto ao que conforma o Encoro de Abegondo-Cecebre, Espacio Natural Protexido, integrado dentro da Rede Natura 2000. Ademais, este encoro abastece de auga aos principais concellos da área da Coruña, que suman preto de 450.000 persoas. A importancia deste recurso demostra a necesidade de realizar un axeitado xestión manexo desta cunca hidrográfica, e en particular do bosque de ribeira. 


Na investigación desenvolvida polos investigadores doutores da Universidade da Coruña, María José Servia e Jaime Fagúndez, coordinada pola Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e financiada pola Cátedra de Desenvolvemento Sostible Hijos de Rivera-UDC, avalíase o estado ecolóxico do bosque de ribeira no río Barcés. Sobre a base de que existe unha relación directa entre o estado do bosque de ribeira e o estado do medio fluvial, a calidade da auga e as comunidades faunísticas asociadas, emprégase o bosque como indicador da saúde do río. A protección dun sistema sensible precisa dun bo coñecemento dos elementos e procesos que o conforman, e por esta razón establecéronse unha serie de indicadores específicos, así como, unha clasificación de impactos sobre o ecosistema do bosque. A partir da información acadada mediante cartografía ambiental e indicadores florísticos, defínense posibles medidas de conservación do bosque de ribeira. 


No estudo identificáronse diferentes problemas asociados aos usos do solo da contorna do río. As labores agrarias e o uso de maquinaria agrícola limitan o desenvolvemento do bosque, acumulan materia vexetal e provocan a entrada de especies ruderais e arvenses (“malas herbas”). Nas áreas de prado, tamén se afecta a extensión do bosque, a composición florística e a estabilidade das marxes polo acceso frecuente de animais. En zonas de contacto con repoboacións forestais, o bosque vese afectado na súa naturalidade e a aparición de especies exóticas invasoras. Noutras zonas con maior uso humano obsérvanse transformacións por axardinamento do río, e problemas asociados á eliminación do bosque polas infraestruturas. 

 

Pode consultarse na seguinte ligazón máis información sobre o estudio da Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sostible

 

Un proxecto de futuro
En maio de 2013 a UNESCO declarou como Reserva de Biosfera o territorio de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado, cunha superficie de 116.724 ha. A Asociación Mariñas-Betanzos é a entidade xestora da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, na que se encadra o río Barcés. Pola suá banda, a Cátedra Hijos de Rivera–UDC de Desenvolvemento Sostible ten como obxectivo de contribuír a fomentar unha actividade económica competitiva e sostible, con especial atención ao sector agrario galego. O proxecto do corredor fluvial do río Barcés é un ámbito no conflúen os intereses das dúas entidades. 


Este traballo, que ten vocación de continuidade, produciu xa nesta primeira fase resultados concretos. Nel propóñense medidas de mellora do bosque, incluíndo a restauración pasiva por rexeneración natural en áreas cun nivel medio de degradación, e medidas de reforestación en áreas moi degradadas. A colaboración cos propietarios, a educación e a implicación da sociedade será indispensable nas seguintes fases do proxecto. Con todo isto búscase mellorar o estado do bosque de ribeira no río Barcés, cos conseguintes beneficios que proporciona para nós e as xeracións futuras da contorna. 

O obxectivo final do proxecto sería que o Río Barcés e o seu bosque de ribeira funcionen como un corredor ecolóxico conectando dous espazos de interese ambiental, como o Encoro Abegondo-Cecebre e a Lagoa de Meirama, contribuíndo á calidade da auga que discorre e que se consume na área de A Coruña.

 

Nota de prensa