Actualidade

A Universidade da Coruña e Vegalsa-Eroski impulsan a Cátedra de Compromiso social, Comunicación e Reputación Corporativa

26/07/2021

 

A compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski e a Universidade da Coruña porán en marcha a Cátedra universitaria Vegalsa-Eroski de Compromiso social, Comunicación e Reputación Corporativa dirixida á formación, investigación, divulgación e transferencia de coñecemento neste contexto de interese común. Así se formalizou o pasado 26 de xullo na Reitoría nun acto presidido polo Reitor da UDC, Julio Abalde, e o director xeral da compañía, Joaquín González.

 


A Cátedra, dirixida pola coordinadora do grupo de investigación Cultura e Comunicación Interactiva, Carmen Costa, e adscrita á Vicerreitoría de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, nace co obxectivo de traballar a favor dunha función de comunicación nas organización comprometida e con conciencia. 

 


Durante o acto de sinatura, González describiu esta iniciativa coma “un reto que nos axudará a seguir mellorando a nosa actividade a través da investigación académica e a divulgación para xerar unha visión integral sobre a importancia da comunicación”. Abalde, pola súa banda, subliñou o interese da UDC en particular, e das institucións en xeral, pola responsabilidade social e agradeceu a Vegalsa-Eroski a súa confianza posta neste convenio “que permitirá xerar investigación en materia de comunicación e reputación corporativa”.

 


Comunicación con conciencia


A Cátedra Vegalsa-Eroski de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa persigue axudar á sociedade en dúas liñas fundamentais: a comunicación para a saúde e a comunicación a favor do coidado da contorna. Neste sentido, tal e como destaca a directora, a profesora Costa, “a idea é poder facilitar á comunidade universitaria e á sociedade en xeral unha visión integral sobre a importancia da comunicación á hora de impulsar hábitos de vida saudables e conciencia ambiental, favorecendo á súa vez un consumo consciente e sostible”.

 


Para lograr o seu obxectivo, o plan de actividades da Cátedra para o curso 2021-2022 dá prioridade a accións a través de catro liñas de actuación fundamentais: investigación, transferencia, formación e accións de tipo relacional e de proxección social, achegando a compañía unha dotación anual de 20.000 euros para a súa consecución.