Actualidade

Aberto o prazo de preinscrición no Curso de Especialización en Cumprimento Legal e Privacidade

27/08/2018

 

Baixo o nome de compliance ou cumprimento legal foron configurándose nos derradeiros anos unha serie de prácticas, mecanismos e procedementos que converxeron na necesidade de que as empresas adopten uns sistemas de control e prevención tendentes a minimizar os riscos de sancións, perdas patrimoniais ou de reputación e, en última instancia, ata conxurar a posible responsabilidade penal das mesmas.

 

Xunto ao cumprimento legal, o adecuado tratamento dos datos persoais preséntase como un dos principais desafíos actuais para empresas e administracións públicas. O big data e o tratamento automatizado de datos convertíronse nun dos principais activos das empresas de toda índole e, en moitos casos, ata na súa principal actividade produtiva. O manexo dos datos conforme ás esixencias legais, en especial o Regulamento Xeral de Protección de Datos da Unión Europea que entrou en vigor antes do verán, é un reto que require dun coñecemento especializado e de alto nivel técnico para garantir o respecto dos dereitos dos particulares e aseguriar que as operacións de tratamento se realizan sen contravir as normas xurídicas aplicables, cuxo incumprimento podería carrexar importantes sancións económicas.

 

Curso de Especialización en Cumprimento Legal e Privacidade ofrece unha sólida formación en ambos aspectos, conformándose así como unha oportunidade formativa de singular interese para empresas, administracións e profesionais interesados en adquirir unha formación especializada e de calidade nestas materias. 

 

O profesorado do curso, cuxa preinscrición pode realizarse aquí, combina a presenza de especialistas académicos con profesionais do Dereito e de empresas do ámbito tecnolóxico, garantindo unha perspectiva completa, teórica e práctica, das importantes cuestións que aborda este curso.

 

Un artigo de Santiago Roura e Francisco Caamaño, directores do Curso de Especialización en Cumprimento Legal e Privacidade.