Actualidade

A ministra de Traballo destaca na Universidade da Coruña a necesidade dunha formación dual, continua e inclusiva para garantir a eficacia das políticas de emprego xuvenil

14/05/2021

 

O salón de actos da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña acolleu este venres a conferencia “Un presente e un lugar: as novas políticas de emprego xuvenil”, ofrecida pola Vicepresidenta Terceira do Goberno e Ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, nunha charla-coloquio organizada pola Cátedra Luis Fernández Somoza para a internacionalización dos estudos de economía e empresa da UDC.


O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o director da Cátedra Luis Fernández Somoza, Carlos Estévez Mengotti, presidiron o acto, que foi retransmitido de xeito online e contou ademais coa participación do profesor de Economía e expresidente da Xunta de Galicia, Fernando González-Laxe, encargado de trasladar as preguntas do alumnado.


A formación dual, a aprendizaxe transversal, a retención do talento e a flexibilidade das políticas de emprego centraron a intervención da ministra, que destacou a necesidade de implementar normativas laborais eficaces, humanas e comprometidas coa igualdade “como auténtico motor de transformación social”. “Precisamos novas formas de colaboración entre empresas, servizos públicos de emprego e entidades formativas que faciliten o desenvolvemento de políticas activas de emprego que saiban acomodarse e adaptarse aos cambios continuos, ás necesidades das empresas e ás expectativas das persoas”, subliñou Díaz.


Neste sentido, a vicepresidenta terceira do Goberno compartiu cos presentes que “non fai ningún ben ter unha xeración preparada pero resignada, á que botamos a culpa de non atreverse e non emprender”. A formación continua tanto en aptitudes como en actitudes, a dixitalización e incluso a intelixencia artificial son algunhas das ferramentas que Díaz situou como fundamentais no eido das novas políticas de emprego xuvenil, nas que, afirmou, “a mocidade debe ter un papel protagonista”.


Logo da intervención da ministra de Traballo e Economía Social, o profesor da UDC e expresidente da Xunta de Galicia, Fernando González Laxe, trasladou as preguntas formuladas por parte do alumnado da Facultade de Economía e Empresa e puxo sobre a mesa inquedanzas relacionadas tanto coa actual situación económica derivada da pandemia pola COVID-19 como coa situación do persoal investigador ou dos recentemente egresados.


O reitor da Universidade da Coruña, que pechou o evento, fixo fincapé na necesidade de atraer talento, estabilizar a actividade investigadora e incrementar a oferta de postos de traballo cualificados nun contexto xusto, igualitario e sostible. “Debemos axudar desde a Universidade a que se creen postos de traballo nun tecido produtivo que sexa quen de reter aos nosos universitarios, onde nos xogamos tamén o futuro da sociedade”, concluíu Abalde.

 

Consulta aquí a Charla de Yolanda Díaz