Actualidade

A Cátedra HM-UDC de Traumatoloxía do Deporte entrega o seu Premio á Mellor Tese Doutoral a Florian Michaud

23/04/2021

 

O salón de graos do Campus de Oza acolleu este mediodía a entrega do Premio á Mellor Tese Doutoral da Cátedra HM-UDC de Traumatoloxía do Deporte. Florian Michaud, galardoado nesta segunda edición do certame, presentou os principais resultados do seu traballo de investigación nun acto presidido polo Reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o director médico corporativo de HM Hospitales, Jesús Peláez. A sesión contou ademais coa intervención do director da Cátedra HM-UDC, Javier Cudeiro, e o seu co-director, Rafael Arriaza.

 

Trala lectura da acta do Premio Cátedra HM-UDC de Traumatoloxía do Deporte por parte de Cudeiro, Michaud presentou algúns detalles da súa tese, baixo o título “Modelos neuromusculoesqueléticos do corpo humano para a análise de marcha de suxeitos sans e lesionados medulares”.

 

 

O traballo de investigación galardoado, que propón un procedemento de avaliación dos efectos dos dispositivos ortopédicos nas persoas con lesión  e a probabilidade do seu uso a longo prazo, obtivo, logo da súa defensa académica, a máxima cualificación. Dirixido polos investigadores da UDC Javier Cuadrado y Urbano Lugrís, o doutor en Enxeñaría e investigador de Biomecánica no Campus de Ferrol inclúe na súa tese algúns indicadores como as forzas de reacción e o curso enerxético, relacionándoos directamente coa estimación e forzas musculares. 

 

Antes de finalizar o acto, o director médico corporativo de HM Hospitales fixo entrega a Michaud dun cheque simbólico en representación dos 5.000 euros do premio e o reitor, pola súa banda, entregou ao galardoado o diploma correspondente.

 

 

Que é a Cátedra HM-UDC de Traumatoloxía do Deporte?

 

A Cátedra HM de Traumatoloxía do Deporte regula a colaboración estable entre a Universidade da Coruña e HM Hospitales co fin de fomentar o intercambio de experiencias nos campos da docencia, a investigación e a cultura en xeral.

 

Os obxectivos estratéxicos da Cátedra responden á necesidade de desenvolver na Coruña un centro de referencia no eido da traumatoloxía do deporte para o Noroeste peninsular; promover unha formación de calidade ao respecto tanto no ámbito da medicina como no da fisioterapia e a educación física; e estimular a investigación arredor de dita especialidade.