Actualidade

A Cátedra HM-UDC de Traumatoloxía do Deporte celebra a entrega do seu Premio á Mellor Tese Doutoral o 23 de abril

14/04/2021

 

A Coruña, 14 de abril de 2021. O salón de graos do Campus de Oza acollerá, o próximo 23 de abril ás 13.30 horas, a entrega do Premio á Mellor Tese Doutoral da Cátedra HM-UDC de Traumatoloxía do Deporte. O galardoado, Florian Michaud, presentará durante o acto os principais resultados do seu traballo, titulado “Modelos neuromusculoesqueléticos do corpo humano para a análise de marcha de suxeitos sans e lesionados medulares”.

 

O acto de entrega do galardón, un cheque valorado en 5.000 euros, contará coa participación de representantes tanto da Universidade da Coruña coma do Grupo HM Hospitales. Por parte da UDC, asistirá o reitor, Julio Abalde; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya; e os directores da Cátedra HM-UDC de Traumatoloxía do Deporte, Rafael Arriaza e Javier Cudeiro. Desde HM, está prevista a asistencia do director médico corporativo, Jesús Peláez; o recentemente nomeado presidente do Consello de Administración de HM Galicia, Ángel Fernández Albor; e o director territorial de HM Galicia, Rafael Silva. Acudirá, ademais, Javier Muñiz, novo coordinador da Fundación de Investigación HM Hospitales en Galicia a raíz do convenio asinado entre o Grupo hospitalario e a Universidade coruñesa.

 

O traballo de investigación de Michaud, que propón un procedemento de avaliación dos efectos dos dispositivos ortopédicos nas persoas con lesións medulares e a probabilidade do seu uso a longo prazo, obtivo, trala súa defensa académica, a máxima cualificación. Dirixido polos investigadores da UDC Javier Cuadrado e Urbano Lugrís, o doutor en Enxeñaría e investigador de Biomecánica no Campus de Ferrol inclúe na súa tese algúns indicadores como as forzas de reacción e o custo enerxético, relacionándoos directamente coa estimación de activadores e forzas musculares. 

 

Que é a Cátedra HM-UDC de Traumatoloxía do Deporte?

 

A Cátedra HM de Traumatoloxía do Deporte regula a colaboración estable entre a Universidade da Coruña e HM Hospitales co fin de fomentar o intercambio de experiencias nos campos da docencia, a investigación e a cultura en xeral.

 

Os obxectivos estratéxicos da Cátedra responden á necesidade de desenvolver na Coruña un centro de referencia no eido da traumatoloxía do deporte para o Noroeste peninsular; promover unha formación de calidade ao respecto tanto no ámbito da medicina como no da fisioterapia e a educación física; e estimular a investigación arredor de dita especialidade.