Actualidade

A CE alerta sobre a escasa porcentaxe de profesores estranxeiros nos claustros dos campus universitarios

26/01/2018

“A internacionalización é un factor clave para o desenvolvemento da calidade das universidades españolas, tendo o potencial de ser o motor para a reforma do sistema universitario español na procura da mellora da súa eficiencia, excelencia e competitividade nun entorno global”. Así introduce o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a Estratexia para a Internacionalización das Universidades Españolas 2015-2020, a cal foi elaborada en base ao acordado polos ministros de Educación dos 47 países no eido do proceso de Bolonia para a construción do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) e a estratexia de internacionalización da UE aprobada en 2013.

 

As actuacións postas en marcha durante os dous primeiros anos de implantación da Estratexia (2015 e 2016) parecen non ter dado os seus froitos. De feito, tal e como revelan os datos recollidos pola Comisión Europea nun informe sobre a modernización da educación superior en Europa, cuxas conclusións foron publicadas polo diario El País, a internacionalización é unha das “sinaturas pendentes” da Universidade española. Máis aínda se se fala de internacionalización docente.

 

Segundo dito informe, os campus universitarios españois teñen unha escasa representación de profesores estranxeiros nas súas aulas. Concretamente, os chegados de fóra supoñen en España un 1,8% do claustro docente fronte ao 43% de Suíza, o 27,3% de Reino Unido, o 13,5% de Suecia ou o 3,5% de Portugal. 

 

Impulso á internacionalización desde a UDC


A Cátedra Luis Fernández Somoza para a Internacionalización dos Estudos de Economía e Empresa na Universidade da Coruña pretende, desde a súa posta en marcha en febreiro de 2017, proxectar aos estudantes e profesores do campus coruñés internacionalmente, así como “recibir a personalidades académicas de prestixio que aporten unha visión ampla na realidade complexa da globalización económica”. 

 

A través da publicación de convocatorias con axudas para a mobilidade de docentes e estudantes, da recepción de profesorado de outros países e da organización de ciclos de conferencias con académicos de relevancia internacional, a Cátedra persigue a internacionalización de coñecementos e capacidades. Unha forma de aumentar as oportunidades, neste caso dunha universidade española, de participar en programas de cooperación internacional de educación, investigación e innovación, de ser competitiva e de avanzar postos nos rankings internacionais.