News

A Cátedra SXD Galicia Activa da UDC destaca a importancia do exercicio físico na saúde escolar

19/10/2026

 

A Cátedra SXD Galicia Activa da Universidade da Coruña (UDC), impulsada xunto coa Xunta de Galicia a través da Fundación Deporte Galego, celebrou a súa VII Xornada na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. O encontro reuniu a profesionais da investigación, a Administración e a docencia para analizar a importancia da condición física na saúde do alumnado e a súa integración no currículo escolar.

 

Durante a xornada, Carolina Muñoz Ibáñez, da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, presentou os programas de alimentación e promoción de hábitos saudables nos centros educativos. Pola súa banda, Miguel Rodríguez del Corral, da Fundación Deporte Galego, explicou os Proxectos de Vida Activa e Deportiva (PVAD), destinados a fomentar a práctica regular de exercicio físico entre os escolares galegos.

 

Outro dos temas destacados foi a ferramenta DAFIS, desenvolvida pola Xunta para avaliar a condición física relacionada coa saúde do alumnado. Eliseo Iglesias Soler, profesor da UDC e director da Cátedra, explicou como este instrumento permite elaborar informes individuais, identificar necesidades e realizar un seguimento da evolución física dos estudantes. Ademais, Alberto Dorado Suárez, da Universidade de Castela-A Mancha, e Mónica Mourelle Zas, profesora de Educación Física, abordaron a avaliación da condición física en idade escolar. José Felipe González Álvarez, Fernando Quinteiro López e Alberto Casal Lamas compartiron experiencias e boas prácticas de centros educativos galegos.

 

Desde a súa creación en 2018, a Cátedra SXD Galicia Activa promove a divulgación, a formación e a investigación sobre os beneficios da actividade física e o seu papel na prevención de enfermidades crónicas. Así mesmo, colabora no Plan Galicia Saudable, unha iniciativa orientada a promover estilos de vida activos e saudables entre a poboación galega, mediante o impulso e o seguimento de actuacións relacionadas coa actividade física e a saúde. A xornada puxo así o foco na escola como un espazo fundamental para fomentar hábitos saudables desde a infancia e mellorar o benestar de nenos e adolescentes.