Actualidade

A Deputación da Coruña a través da Cátedra de Dereito Local da UDC editará unha recompilación de relatorios de expertos en innovación rural

28/10/2020

 

Forman parte do panel 17 expertos pertencentes ás tres universidades galegas, contando coa colaboración de expertos de outras universidades do Estado.

 

O compendio que se está a editar xorde como conclusión do Seminario sobre Políticas Innovadoras de Dinamización Rural en Galicia, organizado o pasado novembro de 2019 pola Cátedra de Dereito Local da UDC, que contou cunha moi ampla participación das entidades locais galegas. O Seminario afondou nos retos e nas medidas que na Unión Europea e particularmente en Galicia se están a afrontar respecto do avellentamento e descenso social da poboación, “que requiren dunha intervención decidida por parte das Administracións Públicas despregando instrumentos de cohesión que marquen un rumbo sostible da nosa sociedade trala  COVID -19”, en palabras do director da Cátedra Carlos Amoedo Souto.

 

Así, pártese da situación da nosa contorna no que a pandemia esta xerando unha extraordinaria transformación nas costumes, movementos e tranformacións económicas que expoñerá o profesor  Francisco Javier Sanz Larruga (UDC), para pasar a repasar as políticas desenvolvidas no ámbitos agrario, o despoboamento,a política rural, a fiscalidade e a dinamización rural, entre outras. Completando esta visión holística coa exposición dos instrumentos xurídicos innovadores na ordenación territorial e agraria da man do profesor Luis Miguez Macho (USC).

 

Entre os tratados e contidos, o compendio contará con relatorios clave no novo contexto,  como as oportunidades e retos sociais que as novas tecnoloxías representarán cara ao novo escenario rural, as vías de colaboración intelixente ou experiencias de éxito en outros territorios da Unión Europea.