A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa mantén abertas dúas convocatorias dirixidas a recoñecer traballos universitarios vinculados coa sostibilidade, o compromiso social e a realidade galega. Trátase da V edición do premio aos mellores Traballos Fin de Mestrado (TFM) en criterios ASG e propósito corporativo e dunha nova convocatoria dos premios aos mellores Traballos Fin de Grao (TFG) de temática galega.
As dúas iniciativas buscan achegar á sociedade o coñecemento xerado nas universidades e poñer en valor traballos académicos que abordan cuestións relacionadas coa contorna desde ámbitos e disciplinas diferentes. No caso dos TFM, a convocatoria está aberta a titulados das tres universidades públicas galegas, mentres que os premios de temática galega diríxense ao alumnado da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña.
Candidaturas aos mellores TFM sobre criterios ASG
A quinta edición do Premio Cátedra Vegalsa-Eroski UDC ao mellor Traballo Fin de Mestrado en Criterios ASG e Propósito Corporativo está dirixida a persoas que defenderan o seu TFM durante 2025 ou 2026 na Universidade da Coruña, na Universidade de Santiago de Compostela ou na Universidade de Vigo e obtivesen unha cualificación de sobresaliente. Os traballos deberán abordar temáticas directamente relacionadas cos criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG) e co propósito corporativo.
A convocatoria contempla un primeiro premio de 1.500 euros e un segundo de 500 euros. O prazo para presentar as candidaturas permanecerá aberto ata as 24.00 horas do 31 de decembro. Unha vez pechada a inscrición, o xurado seleccionará un máximo de catro traballos finalistas, que deberán presentar o TFM completo para a avaliación definitiva.
Na valoración teranse en conta aspectos como a orixinalidade e relevancia do traballo, a calidade da argumentación e das conclusións, a claridade da exposición ou as publicacións e comunicacións a congresos que puidesen derivar da investigación.
A realidade galega, en formato audiovisual e dixital
A segunda convocatoria está centrada nos Traballos Fin de Grao realizados durante o curso 2025/26 polo alumnado dos graos en Comunicación Audiovisual e en Creación Dixital, Animación e Videoxogos da UDC. O premio, convocado pola Cátedra en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación e o Servizo de Normalización Lingüística da UDC, busca contribuír á dinamización, difusión e uso da lingua galega.
Poderán concorrer pezas audiovisuais, multimedia ou produtos de creación dixital vinculados coa animación ou os videoxogos que aborden algún aspecto da realidade galega. Os traballos deberán ser inéditos e estar realizados integramente en galego, tanto a peza presentada como a memoria e os seus anexos.
Nesta convocatoria concederanse dous premios de 250 euros, un para o mellor TFG do Grao en Comunicación Audiovisual e outro para o mellor traballo do Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos. Poderá participar o alumnado da Facultade de Ciencias da Comunicación que presentase o seu proxecto nalgunha das convocatorias do curso 2025/26. O prazo de inscrición e entrega remata o domingo 4 de outubro.
As bases e os formularios de participación das dúas convocatorias poden consultarse na web da Cátedra Vegalsa-Eroski UDC:
Candidaturas á V Edición do premio Cátedra Vegalsa-Eroski UDC ao mellor Traballo Fin de Mestrado (TFM) en ‘Criterios ASG e Propósito Corporativo’ TFM:
Candidaturas ao Premio ao mellor traballo Fin de Grao de temática galega do curso 2025/26 para os graos Comunicación Audiovisual e Creación Dixital, Animación e Videoxogos
Sobre a Cátedra Vegalsa-Eroski UDC
A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa naceu en xullo de 2021, impulsada por Vegalsa-Eroski e a Universidade da Coruña, co obxectivo de traballar a prol dunha comunicación nas organizacións comprometida e consciente, que axude á sociedade en dúas liñas fundamentais: a comunicación para a saúde e a comunicación a favor do coidado da contorna.
Desde o pasado mes de xullo, a Fundación Eroski sumouse a este proxecto para dar continuidade a unha iniciativa aliñada cos valores que promove. As accións da Cátedra céntranse en catro eixos fundamentais de actuación: investigación, transferencia, formación e accións de carácter relacional e de proxección social.
Sobre Vegalsa-Eroski
Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castela e León con 293 establecementos, entre propios e franquiados, baixo as marcas comerciais hipermercados e gasolineiras Eroski, Eroski Center, Autoservicios Familia, Cash Record, Eroski City, Aliprox e Eroski Rapid.
A súa estrutura comercial complétase cunha moderna plataforma de mercadorías xerais situada en Sigüeiro (A Coruña), dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos da Coruña e dos centros de redistribución de Vigo e Ourense.