O próximo 17 de outubro de 2026, en horario de 8:45 a 14:45 horas, terá lugar a VII Xornada da Cátedra SXD Galicia Activa, que leva por título «O papel da condición física relacionada coa saúde no currículo escolar», no Centro de Innovación Cultural da Cidade da Cultura, Auditorio 2, en Santiago de Compostela.
Esta xornada está organizada pola Cátedra SXD Galicia Activa, en colaboración coa Xunta de Galicia e o grupo de investigación Performance and Health Group da Universidade da Coruña (UDC), e ten como obxectivo reflexionar sobre o papel da condición física relacionada coa saúde nos currículos de Educación Física, así como presentar experiencias e boas prácticas desenvolvidas nas diferentes etapas educativas.
A condición física constitúe un importante marcador de saúde, especialmente durante a idade escolar. Neste contexto, a Educación Física desempeña un papel fundamental na promoción de estilos de vida activos e saudables e na avaliación dos diferentes compoñentes da condición física relacionada coa saúde.
A xornada contará con achegas procedentes dos ámbitos da investigación, a administración educativa e a innovación docente, e contará cos seguintes relatores e participantes:
Alberto Dorado Suárez, que presentará «A importancia da condición física relacionada coa saúde na idade escolar: da evidencia á promoción de estilos de vida activos e saudables».
Raquel Béjar Castro, que abordará «A condición física nos currículos de Educación Primaria e Secundaria: entre a ambición curricular e a realidade educativa».
Tamén se presentará o novo Plan Proxecta-Sinerxia e celebraranse mesas sobre iniciativas para a mellora e seguimento da condición física da poboación escolar en Galicia e sobre experiencias e boas prácticas educativas, nas que participarán, entre outros, Miguel Rodríguez del Corral, Eliseo Iglesias Soler, José Felipe González Álvarez e Alberto Casal Lamas.
A xornada está dirixida especialmente ao profesorado de Educación Primaria e Secundaria, alumnado universitario e profesionais das ciencias da actividade física e do deporte. As persoas participantes recibirán unha certificación acreditativa de asistencia.