Actualidade

A Coruña acolle o III Congreso Internacional Luso-Galaico de Historia da Medicina

16/09/2026

 

A Real Academia de Medicina de Galicia acollerá os días 1, 2 e 3 de outubro o III Congreso Internacional Luso-Galaico de Historia da Medicina, un encontro científico que reunirá na cidade investigadores e especialistas de diferentes universidades, centros de investigación e institucións académicas de España e Portugal , en horario de 9:00 a 16:00h.

 


Baixo o lema «Una mirada histórica al saber médico: de la paleopatología a los archivos», o congreso propón unha ampla aproximación á historia da medicina a través de disciplinas e fontes moi diversas, cun programa que abrangue desde os coidados e prácticas médicas na Antigüidade e na Idade Media ata a saúde pública, a historia institucional, o exercicio profesional, os arquivos médicos ou a paleopatoloxía. 


O encontro está presidido polo profesor Edgard Camarós, da Universidade de Santiago de Compostela e do CISPAC, e conta con Fernando Ponte Hernando, da Real Academia de Medicina de Galicia, como presidente de honra. A secretaría científica corresponde a Carolina Sobrado, da USC-CISPAC, mentres que o comité científico reúne especialistas de universidades e institucións de Galicia, Portugal e diferentes puntos de España. 


A conferencia principal da primeira xornada correrá a cargo do profesor José Paulo Andrade, da Universidade do Porto, coa intervención «Mudando o mundo da anatomia – a representação anatómica». Ao longo desa mesma xornada presentaranse investigacións sobre prácticas obstétricas no antigo Exipto, espazos terapéuticos na antiga Bracara Augusta, embarazo e parto na Idade Media, epidemias, paleopatoloxía, restos humanos arqueo-históricos de Galicia, arquivos e historia social e institucional da medicina. 


Entre as investigacións relacionadas directamente con Galicia figura unha primeira aproximación á parasitación na Compostela altomedieval dos séculos IX-XI, realizada por un equipo interdisciplinar no que participan investigadores da USC, CISPAC e Universidade de Vigo. Tamén se presentará un estudo sobre o coñecemento médico-cirúrxico a través de restos humanos arqueo-históricos de Galicia, utilizando, entre outros materiais, a colección da Real Academia de Medicina de Galicia. 


A historia institucional galega estará presente igualmente a través dunha investigación de Álvaro Correa Blanco e Fernando Ponte sobre os inicios composteláns da Real Academia de Medicina de Galicia. Nesa mesma sesión, Braulio Pérez Astray, da Universidade da Coruña, presentará a comunicación «Médicos rurais e asistencia sanitaria na Costa da Morte (1955-1995): unha aproximación histórica a partir da figura do doutor Manuel Pérez Maroño», dedicada á evolución da asistencia médica rural durante a segunda metade do século XX. 


A segunda xornada continuará coa conferencia principal da profesora Ana Luísa Santos, da Universidade de Coimbra, sobre os arquivos hospitalarios como fonte para a paleopatoloxía. O programa inclúe posteriormente investigacións sobre historia asistencial, museos anatómicos, musicoterapia, psiquiatría, saúde pública, historia veterinaria e beneficencia galaico-lusitana, ademais dunha mesa redonda dedicada aos coidados e tratamentos desde unha perspectiva evolutiva da medicina. 


Entre os temas galegos desta segunda xornada figuran tamén as colonias escolares da Cruz Vermella de Santiago, a contribución da profesión veterinaria á loita contra a varíola en España, a loita antivenérea na Coruña e a presenza de Ramón Otero Pedrayo nos congresos da Sociedade Española de Historia da Medicina. 


O programa científico complétase cunha sesión de pósteres e, o sábado 3 de outubro, cunha actividade cultural que incluirá unha visita ao Museo Histórico Militar da Coruña e unha recreación histórica de prácticas médico-cirúrxicas a cargo do grupo Kheironides. 


O III Congreso Internacional Luso-Galaico de Historia da Medicina pretende deste xeito favorecer o diálogo entre investigadores de diferentes disciplinas e períodos históricos e poñer en común novas fontes e perspectivas para o estudo da medicina e dos coidados ao longo do tempo.


Para máis información sobre o programa ou para asistir ao encontro (a inscrición ten un custo de 100€ para público Xeral el 50€ para estudantes) contactar a carolina.sobrado@rai.usc.es ou no correo congresohistomed@grupos.nube.usc.gal 

 

Le aquí la noticia completa