News

Premios da Cátedra UDC Vegalsa-Eroski aos mellores Traballos de Fin de Máster de Sustentabilidade

01/07/2026

 

A Cátedra UDC Vegalsa-Eroski de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa fixo entrega esta mañá, no Reitorado da Universidade da Coruña, dos premios aos mellores Traballos Fin de Máster (TFM) en criterios ASG e propósito corporativo. As propostas gañadoras desta cuarta edición foron “A rehabilitación da Casa do Arrendador en Catral”, de Lucía de las Mercedes Carceles Grau, e “Proposta de inclusión educativa. A lectura fácil para o alumnado con dificultades de comprensión lectora na Educación Secundaria Obrigatoria”, de Cinthia Piñeiro Acevedo.


No acto de entrega de premios estiveron presentes o adxunto ao Vicerreitorado de Investigación e Transferencia, José Anta; o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica do Concello da Coruña, Juan Ignacio Borrego; a directora de Comunicación 2030 e da Cátedra Vegalsa-Eroski UDC, Carmen Costa; e a representante de Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski, Carmen del Río.


O adxunto ao Vicerreitorado remarcou o papel das cátedras institucionais como a UDC VEGALSA-EROSKI como instrumento clave para a transferencia de coñecemento, “neste caso promocionando o talento do estudantado relacionado cos retos reais da sociedade”, mentres que a directora destacou que “os traballos premiados nesta edición demostran que se pode achegar á sustentabilidade e ao compromiso social desde ámbitos de estudo e disciplinas distintas, unha diversidade que enriquece” apuntou Costa quen, ademais, animou ao alumnado para presentar as súas propostas nas próximas edicións duns premios que xa se consolidaron.


Pola súa banda, desde Vegalsa-Eroski amosaron a súa satisfacción por seguir impulsando, a través desta Cátedra, iniciativas que fomentan a investigación aplicada e a xeración de coñecemento arredor da sostibilidade, a inclusión e o impacto positivo na sociedade.


A conservación do patrimonio e a inclusión educativa, protagonistas dos traballos premiados 
Ao certame presentáronse un total de 16 TFM, todos eles realizados por estudantes de universidades públicas galegas durante os anos 2024 e 2025, cualificados con sobresaliente e centrados en temáticas relacionadas cos criterios ASG (Ambientais, Sociais e de Gobernanza). O primeiro premio está dotado con 1.500 euros e o segundo con 500 euros.


O estudo do traballo gañador confirma que a arquitectura vernácula, lonxe de constituír un legado obsoleto, é capaz de ofrecer respostas vixentes aos retos contemporáneos cando se aborda desde unha perspectiva integral e contextualizada. Neste sentido, a Casa do Arrendador preséntase como un modelo de intervención extrapolable a outros contextos rurais, baseado no respecto pola preexistencia e polo territorio.


O segundo traballo premiado contribúe a visibilizar a lectura fácil como unha estratexia válida e necesaria para avanzar cara a unha escola máis xusta, equitativa e inclusiva, na que todo o alumnado teña oportunidades reais de aprendizaxe e participación.


O xurado do IV Premio Cátedra Vegalsa-Eroski UDC ao mellor Traballo Fin de Máster estivo composto por membros da Comisión de Seguimento da Cátedra Vegalsa-Eroski UDC; pola directora da Cátedra, Carmen Costa; e por tres persoas expertas das outras universidades galegas e do ámbito da consultoría.


Sobre a Cátedra Vegalsa-Eroski UDC
A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa naceu en xullo de 2021, impulsada por Vegalsa-Eroski e a Universidade da Coruña, co obxectivo de traballar a prol dunha comunicación nas organizacións comprometida e consciente, que axude á sociedade en dúas liñas fundamentais: a comunicación para a saúde e a comunicación a favor do coidado da contorna. Desde o pasado mes de xullo, a Fundación Eroski sumouse a este proxecto para dar continuidade a unha iniciativa aliñada cos valores que promove. As accións da Cátedra céntranse en catro eixos fundamentais de actuación: investigación, transferencia, formación e accións de carácter relacional e de proxección social.


Sobre Vegalsa-Eroski
Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castela e León con 291 establecementos, entre propios e franquiados, baixo as marcas comerciais hipermercados e gasolineiras Eroski, Eroski Center, Autoservicios Familia, Cash Record, Eroski City, Aliprox e Eroski Rapid. A súa estrutura comercial complétase cunha moderna plataforma de mercadorías xerais situada en Sigüeiro (A Coruña), dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos da Coruña e dos centros de redistribución de Vigo e Ourense.