Actualidade

A Cátedra Epifanio Campo impulsa unha nova edición do Curso de Xestor de Residuos para formar profesionais do emprego verde

21/05/2026

 

A iniciativa, que se celebrará en xullo no Campus Industrial de Ferrol, busca capacitar a estudantes e profesionais na xestión de residuos industriais, un dos sectores con maior proxección laboral vinculada á sustentabilidade.

 

A Cátedra Epifanio Campo, promovida polo Grupo Rodonita e a Universidade da Coruña (UDC), abriu o prazo de inscrición para unha nova edición do curso “Xestor de Residuos: a actividade profesional verde”, unha proposta formativa especializada que pretende achegar a estudantes e profesionais a un dos ámbitos con maior crecemento dentro da economía sostible. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o próximo 22 de xuño de 2026 a través da seguinte ligazón: [pica aquí]

 

O curso desenvolverase do 20 ao 24 de xullo de 2026 na Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol (EPEF) e ofrecerá unha formación práctica e orientada ao mercado laboral sobre a xestión de residuos industriais, unha actividade considerada estratéxica tanto para a protección ambiental como para a competitividade empresarial.

 

Os organizadores destacan que o sector industrial, alén de ser un dos principais motores económicos, é tamén un dos maiores xeradores de residuos. Neste contexto, a correcta xestión destes materiais resulta fundamental para garantir o cumprimento normativo, minimizar o impacto ambiental e mellorar a eficiencia das empresas.

 

A formación está dirixida principalmente a estudantes universitarios, titulados e profesionais do ámbito industrial que desexen adquirir ou ampliar competencias en xestión de residuos. O programa abordará aspectos como a clasificación e caracterización de residuos, a documentación asociada ao seu traslado, as actividades de tratamento e valorización, así como cuestións relacionadas co dereito ambiental, a economía ambiental e as técnicas de protección do medio ambiente.

 

Un dos principais atractivos do curso será a visita guiada ao Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia (CTRIG), situado nas Somozas e xestionado por SOGARISA, onde os participantes poderán coñecer de primeira man o funcionamento dunha das principais instalacións galegas dedicadas ao tratamento de residuos industriais.

 

O claustro estará integrado por especialistas do ámbito académico e profesional, incluíndo directivos e técnicos de SOGARISA, así como profesorado e investigadores da Universidade da Coruña con experiencia en economía ambiental, dereito ambiental e protección ambiental.

 

A actividade terá unha duración de 30 horas presenciais e contará con recoñecemento académico de tres créditos para o alumnado da UDC. Ademais, a Cátedra Epifanio Campo concederá cinco bolsas que cubrirán o 100% do importe da matrícula para estudantes matriculados en títulos oficiais da universidade durante o curso 2025/2026.

 

A matrícula formalizarase entre o 25 de xuño e o 6 de xullo, unha vez comunicada a admisión. O custo de inscrición será de 100 euros en modalidade xeral e de 75 euros para estudantes da UDC.

 

Con esta iniciativa, a Cátedra Epifanio Campo reforza o seu compromiso coa formación especializada e a promoción de perfís profesionais vinculados á sustentabilidade, un ámbito cada vez máis demandado por empresas e institucións no marco da transición cara a unha economía circular.