Estes galardóns teñen como finalidade contribuír á dinamización, difusión e uso da lingua galega no ámbito universitario, promovendo a súa presenza nos proxectos académicos e recoñecendo traballos que poñen en valor a cultura, o patrimonio e a realidade social de Galicia desde diferentes enfoques comunicativos e creativos.
No Grao en Comunicación Audiovisual, o premio, cunha dotación de 250 €, foi para o TFG “Aberto ao local”, realizado polas alumnas Paula López, Antía Mujico e Adela Martínez. O proxecto consiste nunha campaña de promoción dos negocios galegos que destaca a produción de proximidade como elemento clave para fomentar hábitos de consumo sostibles e reforzar a identidade local. A proposta combina unha estratexia dixital cunha peza audiovisual principal —un spot— e está dirixida especialmente á mocidade galega e a persoas interesadas na sostibilidade e no cambio social.
No Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogo, o xurado decidiu conceder o premio ex aequo a dous traballos, que recibiron unha dotación de 125 € cada un. Por unha banda, “Recreación virtual do Castro de Baroña”, do alumno Daniel Farrapeira, un proxecto centrado na recreación virtual en 3D do xacemento arqueolóxico do Castro de Baroña coa finalidade de facilitar a súa divulgación e preservación, creando un espazo inmersivo que permite unha visita virtual accesible que combina rigor histórico e innovación tecnolóxica.
Por outra banda, o traballo “Nuno”, realizado por Antía Iglesias e Martín Joga, consiste nun proxecto de curtametraxe de animación baseado no relato “Falar”, incluído no libro “Made in Galiza” de Séchu Sende. A historia aborda, desde unha perspectiva sensible e simbólica, a situación dun bebé que medra nun entorno bilingüe, reflexionando sobre o uso da lingua galega na contorna familiar e a súa transmisión ás novas xeracións.
O xurado estivo composto pola profesora da Facultade de Ciencias da Comunicación e directora da Cátedra Vegalsa-Eroski UDC, Carmen Costa Sánchez; o profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación, Manuel García Torre e a coordinadora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Marisol Ríos Noia. No acto de entrega de premios, coincidiron na necesidade de impulsar o uso do galego nos traballos académicos e de apoiar iniciativas que contribúan ao seu prestixio social e á súa presenza nos ámbitos da comunicación, a creación audiovisual e as novas tecnoloxías.
Sobre a Cátedra Vegalsa-Eroski UDC
A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa naceu en xullo de 2021 co obxectivo de traballar a favor dunha comunicación nas organizacións comprometida e con conciencia, que axude á sociedade en dúas liñas fundamentais: a comunicación para a saúde e a comunicación a favor do coidado da contorna. Desde o pasado mes de xuño, Grupo Eroski sumouse a este proxecto, para darlle continuidade a unha iniciativa que se aliña cos valores que promove. As accións da Cátedra están centradas en catro liñas de actuación fundamentais: investigación, transferencia, formación e accións de tipo relacional e de proxección social.
Sobre Vegalsa-Eroski
Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castela e León con 291 establecementos entre propios e franquías baixo as marcas comerciais hipermercados e gasolineiras Eroski, Eroski Center, Autoservicios Familia, Cash Record, Eroski City, Aliprox e Eroski Rapid. A súa estrutura comercial compleméntase cunha moderna plataforma de mercadorías xerais situada en Sigüeiro, A Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense.
#LinguaGalega #Universidade #CreaciónDixital #Audiovisual #MestreMateo #Galicia