O pasado 13 de outubro de 2025, a Cátedra AECC-UDC: Exercicio contra o Cancro desprazouse a Mugardos para ofrecer unha charla sobre os beneficios do exercicio físico en persoas con cancro. A sesión foi impartida por Manuel Giráldez, director da Cátedra, quen explicou de forma próxima como a actividade física pode axudar a mellorar a capacidade funcional, reducir a fatiga, coidar o ánimo e favorecer a calidade de vida durante e despois dos tratamentos oncolóxicos. As persoas asistentes tiveron tamén a oportunidade de compartir as súas experiencias, dúbidas e barreiras á hora de manterse activas no seu día a día, creando un espazo de confianza e apoio mutuo.
Como continuación, o 20 de outubro celebrouse un taller práctico no que participou o equipo do Performance & Health Group, achegando ás e os asistentes a diferentes propostas de movemento seguras e adaptadas ás súas capacidades. A través de exercicios sinxelos e guiados, traballáronse estratexias para incorporar o exercicio físico de forma progresiva, escoitando as sensacións do corpo e respectando os ritmos individuais. Nesta xornada contamos ademais coa compañía e o apoio do Dr. Juan #Luis León Chamas, profesor da Universidade de Estremadura que se atopa realizando unha estancia co noso grupo, o que enriqueceu aínda máis o intercambio de coñecementos e experiencias.
Actividades como esta consolidan o compromiso da Cátedra AECC-UDC Exercicio contra o Cancro coa promoción do exercicio físico como unha ferramenta segura, accesible e eficaz para mellorar a saúde e o benestar das persoas con cancro e as súas familias, favorecendo o empoderamento dos participantes para que adopten un papel activo no coidado da súa saúde, achegando a ciencia á comunidade e ofrecendo un acompañamento humano, próximo e centrado nas persoas que conviven coa enfermidade.