News

Charla e taller sobre exercicio físico e cancro en Betanzos

23/10/2025


O 16 de outubro de 2025, a Cátedra AECC-UDC Exercicio contra o Cancro visitou Betanzos para ofrecer unha charla dedicada aos beneficios do exercicio físico en persoas con cancro. O relatorio foi impartida por Manuel Giráldez, director da Cátedra, quen expuxo de forma clara e próxima como manterse activo pode axudar a combater a fatiga, preservar a autonomía, coidar a saúde do corazón, axudar a combater o propio cancro e favorecer o benestar psicolóxico durante e tras os tratamentos oncolóxicos. Ao longo da sesión, as persoas asistentes puideron formular preguntas, comentar as súas inquietudes e compartir vivencias, creando un ambiente participativo e de acompañamento mutuo.


Posteriormente, o 23 de outubro tivo lugar un taller práctico impartido e dinamizado polo equipo do Performance & Health Group. Nesta ocasión, presentáronse e practicaron exercicios sinxelos, adaptados ás capacidades e situación de cada participante, coa finalidade de mostrar que é posible incorporar o movemento de forma gradual e segura na vida cotiá. A actividade permitiu experimentar de primeira man como o exercicio pode contribuír a mellorar a sensación de enerxía, o estado de ánimo e a confianza para seguir activos no día a día.

 


A través de iniciativas como esta, a Cátedra AECC-UDC Exercicio contra o Cancro reforza o seu compromiso coa promoción do exercicio físico como unha ferramenta clave para mellorar a calidade de vida das persoas con cancro e a súa contorna, apostando polo empoderamento dos participantes para que adquiran un papel activo no coidado da súa saúde e por unha atención máis humana, próxima e centrada na persoa. Todo iso articúlase mediante a colaboración coas agrupacións locais da AECC, facilitando o acceso a recursos útiles, accesibles e adaptados ás necesidades reais dos pacientes.