Persoal do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol e do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) desenvolve un novo modelo de optimización para a planificación en estaleiros que inclúe, por primeira vez, a estratexia real de construción en bancada. A investigación, publicada baixo o título “A constraint programming-based decomposition strategy for the block assembly scheduling problem in shipbuilding” na prestixiosa revista International Journal of Production Research, presenta unha metodoloxía que permite un uso moito máis eficiente dos recursos dun estaleiro, á vez que reduce os tempos de montaxe dos buques [Ligazón á noticia da UDC].
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC, en colaboración coa Fundación Universidade da Coruña, acolleu a principios desta semana a primeira reunión transnacional do proxecto europeo DEDUC – Distance Education and Vocational Training on Dementia for University Students and Healthcare Professionals. Este encontro reuniu na Coruña a representantes das sete institucións socias do consorcio transnacional, marcando o inicio oficial desta iniciativa financiada polo programa Erasmus+.
A nova edición do Día da Ciencia na Rúa da Coruña celebrada o 10 de maio de 2025 no Parque de Santa Margarita, reuniu a máis de 1.000 participantes, entre alumnado, profesorado, familias e coruñeses varios e 54 centros educativos de toda Galicia con talleres de robótica, intelixencia artificial e sustentabilidade. O evento, organizado polo Concello de Coruña, A Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e a Cátedra Emalcsa-UDC, contou co apoio da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades) e a Deputación da Coruña. Ademais do alumnado de todos os niveis educativos, participaron investigadores e divulgadores de institucións como a Cátedra Emalcsa-UDC, a Facultade de Ciencias da UDC, a Escola de Enxeñeiros de Camiños, o CICA, o CITIC, o CITEEC, o INIBIC, o Centro Oceanográfico da Coruña, a Unidade de Divulgación Científica e Cultural da UDC, a Axencia Galega de Órganos e Sangue, e o CITMAga, entre outros. Fonte: Blog UDC e Quincemil.
#UDCCiencia #CiencianaRúa #Ciencia #DivulgaciónCientífica #UDC #DCR2025 #cienciarua2025
O proxecto Talentos Inclusivos do CITIC da Universidade da Coruña acaba de recibir un novo recoñecemento polo seu traballo á hora espertar vocacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre a mocidade e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral. Nesta ocasión o proxecto do CITIC foi galardoado co primeiro premio ex aequo na categoría “Ciencia e Valores Humanos” do certame internacional Ciencia en Acción. Trátase dun concurso internacional dirixido a estudantes, profesorado, persoal investigador e de divulgación da comunidade científica. Durante a pasada semana, as inicitivas finalistas exhibíronse en formato en liña, e a entrega de premios tivo lugar este pasado sábado.