A Cátedra Epifanio Campo da Universidade da Coruña convoca o II Premio de Divulgación Científica Epifanio Campo, en homenaxe ao fundador do Grupo Rodonita, impulsor desta cátedra, que foi un pioneiro no ámbito da economía circular e a xestión ambiental.
Esta nova iniciativa enmárcase no obxectivo fundamental da cátedra, constituída en 2019, que se centra no fomento da investigación, a formación e a divulgación no ámbito do medio ambiente, a sustentabilidade e a xestión de residuos. No caso deste premio, a finalidade é impulsar e premiar a participación do alumnado da Universidade da Coruña no ámbito da sustentabilidade e o coidado do medio ambiente. Para iso, os estudantes deberán elaborar unha proposta multimedia (fotografía, infografía, ilustración, vídeo ou animación 2D e 3D) para a divulgación de aspectos relacionados coa economía circular, a auga, a enerxía e a xestión e valorización dos residuos industriais. Non se valorarán nestas convocatoria propostas relacionadas coa xestión de residuos sólidos urbanos, domésticos ou asimilables.
Estes premios están dirixidos a estudantes que estivesen matriculados no curso 2023-2024, ou que estean matriculados no curso 2024-2025, nalgún grao, máster ou programa de doutoramento da Universidade da Coruña. Poderase participar de forma individual ou colectiva. En caso de participación grupal, todos os membros do equipo deberán cumprir os requisitos. Cada estudante poderá presentar un máximo de dúas solicitudes, independentemente de que sexan individuais ou grupais.
O prazo de recepción das solicitudes ampliase ata o 14 de outubro ata as 14:00h, o que permitirá aos participantes aproveitar o período estival para ir preparando as súas propostas. A mellor valorada polo tribunal, que estará formado por representantes do Grupo Rodonita e da Cátedra Epifanio Campo, recibirá un premio dotado con 1.200 euros. Tamén se outorgarán tres accésits de 300 euros cada un.
INFORMACIÓN E INSCRICIÓN
Bases do II Premio de Divulgación Científica Epifanio Campo
Acceso ao formulario de inscrición e envío da proposta multimedia
Acceso ao formulario de inscrición e envío da segunda proposta multimedia
Cátedra EPIFANIO CAMPO
O 14 de novembro de 2019, a Universidade da Coruña e o Grupo Rodonita subscribiron un Convenio de colaboración para o desenvolvemento da Cátedra Epifanio Campo, adscrita á Escola Politécnica Superior da Universidade da Coruña, no Campus de Ferrol. O seu ámbito de actuación é o medio ambiente, a xestión de residuos e a sostenibilidade. Os obxectivos da cátedra céntranse en promocionar todo tipo de actividades de formación, divulgación, investigación e transferencia de coñecemento, relacionadas coa xestión medioambiental.
RODONITA Medio Ambiente
RODONITA é a sociedade cabeceira dun holding empresarial formado por múltiples empresas e con ampla presenza e implantación en diversos sectores como a enerxía, o medio ambiente e residuos así como materiais de construción, hostaleiro, vitivinicultura, acuicultura ou sector servizos. A división ambiental do Grupo está liderada polas sociedades PMA, SOGARISA e CONTECO, especializadas na xestión integral de residuos e servizos ambientais. Conforman un grupo empresarial competitivo, dinámico e socialmente responsable, capaz de gañar tamaño e implantación e reforzar a súa posición no mercado nacional.
PMA (Protección Medio Ambiental, SL), que inicia a súa actividade en 1991, está especializada na recollida itinerante e capilar de residuos procedentes do sector industrial e talleres de automoción. Pola súa banda, SOGARISA (UTE PMA- CONTECO), é a entidade concesionaria da explotación do CTRIG (Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia), infraestrutura pública titularidade da Xunta de Galicia, situada no Polígono das Somozas e referente a nivel nacional no tratamento e eliminación de residuos industriais perigosos. Por último, CONTECO (Contenedores da Coruña), empresa coruñesa fundada en 1985, está especializada na recollida, transporte e xestión integral de residuos de construción e demolición e residuos industriais non-perigosos