Actualidade

Categorías


Buscador

O investigador e director do grupo AQUATERRA Javier Samper renova proxecto con ENRESA

29/03/2021

 

AQUATERRA renova o proxecto EURAD con Enresa baixo a dirección do profesor Javier Samper

 

A xestión sostible dos recursos hídricos e do chan resulta fundamental para a actividade de I+D no ámbito da Enxeñería civil. Mostra diso é o proxecto EURAD, liderado polo grupo AQUATERRA da Universidade da Coruña, que dirixe o profesor Javier Samper en colaboración coa Empresa Nacional de Residuos Radioactivos (Enresa) e cuxo contrato vén de ser renovado cun importe que ascende a 280.000 euros a executar ata xaneiro de 2024.

 

A iniciativa lévase a cabo grazas a un importante convenio de colaboración de Enresa coa Universidade da Coruña enmarcado no programa conxunto da Comisión Europea  EJP EURAD para a modelización hidroxeolóxica, hidrogeoquímica e de transporte reactivo que ten lugar nas instalacións de almacenamento definitivo de residuos radioactivos.

 

Para o desenvolvemento do proxecto o equipo de investigadores liderado por Samper traballa na implementación de métodos e modelos numéricos para a predición das condicións hidrolóxicas e xeoquímicas dun almacenamento xeolóxico profundo de residuos radioactivos de alta actividade.

 

Solucións ante problemas ambientais

 

Xunto a esta iniciativa, e á contribución do grupo á xestión sostible das augas subterráneas no medio rural galego, hai que destacar o seguimento hidroxeolóxico e o estudo da problemática ambiental pola presenza de residuos de lindano -utilizado como pesticida na segunda metade do século XX e un problema ambiental de primeira orde na actualidade- nun amplo proxecto no que se mantén unha estreita colaboración coa Empresa para a Xestión de Residuos Industriais (Emgrisa).