O 21 de outubro de 2025, a Cátedra AECC-UDC: Exercicio contra o Cancro desprazouse a Teixeiro-Curtis para compartir unha tarde de información e conversación sobre exercicio físico e cancro. A charla foi impartida pola fisioterapeuta Sonia Rivera, auxiliar de investigación da Cátedra, quen explicou de maneira sinxela como moverse de forma regular pode axudar a controlar a fatiga, manter a forza e a mobilidade, protexer a saúde cardiovascular e coidar o ánimo durante as distintas fases da enfermidade e os tratamentos. As persoas asistentes puideron expresar as súas dúbidas, comentar os seus medos e compartir experiencias, creando un clima próximo e de confianza.
Unha semana máis tarde, o 28 de outubro, levou a cabo un taller práctico no que se puxeron en marcha algunhas das recomendacións comentadas na charla. A través de exercicios guiados, suaves e adaptados ás posibilidades de cada persoa, traballáronse propostas para incorporar o movemento na vida diaria, respectando os tempos, escoitando o corpo e priorizando sempre a seguridade. A sesión permitiu comprobar en primeira persoa que o exercicio pode ser unha ferramenta alcanzable para sentirse con máis enerxía, mellorar o estado de ánimo e gañar seguridade á hora de manterse activo.
Estas dúas xornadas en Teixeiro-Curtis foron unha oportunidade para atoparnos coa comunidade, escoitar as súas necesidades e compartir ferramentas que poden axudar no día a día das persoas con cancro, fomentando o seu empoderamento para que participen activamente no coidado da súa saúde. Desde a Cátedra AECC-UDC “Exercicio contra o Cancro” queremos agradecer a acollida e o interese mostrado, e reafirmar o noso compromiso de seguir traballando xunto ás agrupacións locais da AECC e as entidades da contorna, promovendo unha atención máis humana, próxima e centrada na persoa, na que o exercicio físico forme parte, cada vez máis, do coidado e acompañamento de quen convive coa enfermidade.