A Cátedra Epifanio Campo, adscrita á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, situada no Campus Industrial da Ferrol da Universidade da Coruña, reafirma un ano máis o seu compromiso co fomento da divulgación e a formación no ámbito da economía circular e a xestión de residuos industriais. No balance anual de actividades destacan fitos tan reseñables como o acto de entrega do I Premio de Divulgación Científica Epifanio Campo, a convocatoria e entrega dos II Premios de Investigación Epifanio Campo ou a participación na I Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente.
O acto contou coa presenza do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey; a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana; o reitor da UDC, Julio Abalde; o conselleiro delegado do Grupo Rodonita, Jacobo Campo; e a directora da Cátedra Epifanio Campo, Mª Paz Mateo; ademais do director xeral do grupo Rodonita Medio Ambiente, Antonio Roncero; e distintos representantes de institucións, empresa e eido universitario. O primeiro premio foi para o traballo desenvolvido polo Grupo de investigación de Estradas, Xeotecnia e Materiais, liderado polo doutor Ignacio Pérez, e o segundo premio para o grupo de investigación Bioenxeñaría Ambiental e Control de Calidade, dirixido pola profesora María Carmen Veiga.
A Cátedra Epifanio Campo convoca os II Premios de Investigación Epifanio Campo, inspirados na figura do empresario e seguindo o seu legado de responsabilidade ambiental e compromiso coa economía circular. A finalidade dos Premios é a de impulsar e premiar a investigación relacionada coa xestión e valorización dos residuos xerados pola actividade industrial, como parte dunha economía circular que axude á protección do medio ambiente.
O tribunal destacou a calidade dos traballos presentados, nos que participaron 60 estudantes de grao, máster e programa de doutoramento da Universidade da Coruña con interesantes propostas. Concedéndolle o Primeiro Premio de Divulgación Científica Epifanio Campo ao traballo desenvolvido por Adela Ríos Gómez, da Universidade da Coruña, e recoñeceu con tres accésits a orixinalidade, a capacidade de divulgación e a calidade técnica doutras tres propostas.
A Cátedra impulsada polo Grupo Rodonita, convoca o I Premio de Divulgación Científica Epifanio Campo, dedicado ao fundador do Grupo Rodonita e un pioneiro no ámbito da xestión medioambiental. Os estudantes poderán presentar en grupo ou en solitario antes do 14 de outubro de 2022 ás 14:00 h un máximo de dúas propostas de imaxe, infografía, ilustración, vídeo ou animación con enfoque didáctico, para optar a un premio de 1.200 euros ou os tres accésits de 300 euros cada un.