Actualidade

A Facultade de Informática da Universidade da Coruña foi unha das sedes do certame de programación AdaByron

 

Cátedra NTT Data colaborou na terceira edición do certame de programación Adabyron, celebrado o 12 de abril de 2024 nos tres centros do Sistema Universitario Galego que imparten Graos en Enxeñería Informática (Facultade de Informática da UDC, Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC e Escola Superior de Enxeñaría Informática de UVIGO).

 

A proba busca os mellores equipos universitarios de programación competitiva entre os tres centros do Sistema Universitario Galego que ofertan o Graos en Enxeñaría Informática.

 

O evento contou con 24 equipos, nun total de 3 categorías, que competiron durante 4 horas resolvendo 11 problemas de diversa dificultade. O equipos gañadores  de cada categoría e que representarán a Galicia na X edición do Concurso Nacional, que se celebrará a comezos do mes de xullo na Facultade de Informática da Universidade Complutense de Madrid foron:

 

-Categoría A (equipos de alumnado de 1º curso): Equipo da Universidade da Coruña, formado por Hugo Herrador Segade, Lucía Hevia González e Iago Rivas Moar.

 

-Categoría B (equipos de alumnado de 2º curso): Equipo da Universidade da Coruña formado por Ana Barrera Novas, Javier Carballal Morgade e Paula Taibo Suárez.

 

-Categoría C (equipos de alumnado de cursos superiores): Equipo da Universidade de Santiago de Compostela formado por Xiana Carrera Alonso, Pablo Díaz Viñambres e Pablo Landrove Pérez-Gorgoroso, que foi o equipo que conseguiu resolver maior número de problemas (9 de 11).

 

Os responsables do concurso AdaByron Galicia 2024, a vicepresidenta do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Susana Ladra; e o profesor da UDC, Diego Seco; destacaron o alto nivel dos equipos participantes e, en especial, dos equipos gañadores, que contaron cunha equilibrada participación de rapazas e rapaces.

 

O certame, organizado polo CPEIG, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña e as tres universidades galegas, contou coa colaboración de Apser, AWS, Clúster TIC Galicia, Denodo, Dinahosting, DXC Technology, PuntoGAL,  GDI, Mindata, Minsait,  Cátedra NTT Data, Oracle, Sixtema e Veritas.

 

O CERTAME

AdaByron é un concurso universitario que nace na Comunidade de Madrid e que desde o ano 2022 está aberto a outras universidades españolas. Nesta competición mídense as habilidades e destrezas de programación dos estudantes universitarios. A proba é a antesala do certame internacional de programación ICPC (International Collegiate Programming Contest) no que equipos de tres participantes, representando á súa universidade, traballan para resolver “os problemas máis reais, fomentando a colaboración, a creatividade, a innovación e a capacidade de actuar baixo presión”.

 

O concurso leva o nome de Ada Byron, tamén coñecida como Ada Lovelace, matemática e escritora británica do século XIX, célebre polo seu traballo acerca da computadora mecánica.