A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa organiza un curso de Social Media, ‘De seguidores a fans. Como crear os cimentos dá túa estratexia en redes sociais’, impartido pola experta en comunicación e marketing, Lucía González.
O obxectivo desta formación é que os asistentes coñezan como aplicar unha estratexia en social media: redes sociais, contidos, métricas e prácticas recomendadas.
Esta formación terá lugar o vindeiro xoves 25 de abril, en horario de 10:30 h. a 13:30 h., na Facultade de Ciencias da Comunicación da UDC. É uhna actividade gratuíta limitada a 35 prazas. Asignaránse por orde de inscrición, tendo prioridade en primeiro lugar, o alumnado de 3º e 4º curso desta Facultade; seguidamente, antigos estudantes da Universidade (Alumni UDC); e finalmente, o público xeral.
Para participar será necesario inscribirse previamente, permanecendo aberto o prazo desde o 12 ao 21 de abril ou ata completar aforo, a través da ligazón: https://www.fundacion.udc.es/curso.asp?id=1944
Ao finalizar o curso farase entrega do diploma acreditativo.
Sobre Lucía González
É vicepresidenta de Markea e directora de marketing e comunicación de PlaceIn, unha empresa tecnolóxica especializada en solucións para restaurantes. Anteriormente foi responsable de comunicación e marketing de Dinahosting, e desempeñou outros cargos en Naturgy e na Fundación Princesa de Girona. Precisamente na Fundación Princesa de Girona agora exerce como mentora e embaixadora de proxectos. Ademais, é docente en materias de marketing e comunicación na EF Business School (EFBS) e na Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE).
Sobre a Cátedra Vegalsa-Eroski UDC
A Cátedra Vegalsa-Eroski de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa naceu co obxectivo de contribuír ao benestar e á mellora da nosa sociedade a través de actividades de educación e divulgación, de investigación e de aplicación do coñecemento.
A idea é poder facilitar á comunidade universitaria e á sociedade en xeral unha visión integral sobre a importancia da comunicación á hora de impulsar hábitos de vida saudables e conciencia ambiental, favorecendo á súa vez un consumo consciente e sostible. Para logralo priorizaranse as accións en catro liñas de actuación fundamentais: investigación, transferencia, formación e accións de tipo relacional e de proxección social, achegando Vegalsa-Eroski unha dotación anual de 20.000 euros para a súa consecución.
Entre as iniciativas promovidas no marco da Cátedra para este ano atópanse a inserción laboral das persoas con capacidades diferentes e a colaboración na integración de persoas con discapacidade cognitiva, ambas a través do programa Espazo Compartido da UDC.
Sobre Vegalsa-Eroski
Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castela e León con 284 establecementos entre propios e franquiados baixo as marcas comerciais Hipermercados e Gasolineiras Eroski, Eroski Center, Autoservizos Familia, Cash Record, Eroski City, Aliprox e Eroski Rapid. A súa estrutura comercial en Galicia esténdese polas 4 provincias galegas e conta cunha moderna plataforma de mercadorías xerais, situada en Sigüeiro, A Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense. Pola súa banda, a división de Autoservizos Cash Récord de Vegalsa-Eroski conta cun mapa comercial composto por 17 centros distribuídos homoxéneamente entre Galicia e Asturias, con fáciles e rápidos accesos en áreas empresariais con boas comunicacións.