Actualidade

A Universidade da Coruña participa nun proxecto europeo para o desenvolvemento de comunidades enerxéticas baseadas en biomasa nas aldeas

22/03/2024

 

O profesor da Facultade de dereito e membro do grupo de investigación Dereito Público Global, Jose Antonio Moa, participa no proxecto POCTEC Aldealix, levando a cabo labores de asesoramento xurídico para a constitución e posta en marcha de Comunidades Enerxéticas de ámbito rural. Os traballos, iniciados en febreiro de 2024, teñen prevista a súa finalización en xuño de 2024. 

 

O proxecto POCTEC Aldealix 
O proxecto POCTEC Aldealix, liderado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, cuxo lanzamento se celebrou en decembro de 2023, aproveita a iniciativa das aldeas modelo, e a gobernanza social creada neste instrumento de recuperación de terra agraria, co fin de promover o desenvolvemento de novas solucións que permitan mellorar a calidade de vida da poboación rural, neste caso no ámbito da transición enerxética.

 

Neste sentido, o proxecto ten por obxectivo promover a creación de comunidades enerxéticas baseadas en biomasa no territorio rural como unha alternativa para producir enerxía de proximidade a partir do aproveitamento dos recursos dos montes da contorna.

 

O foco destas comunidades enerxéticas será o abastecemento de necesidades térmicas de vivendas e edificios públicos mediante a creación de pequenas redes de calor, que se complementarán coa xeración de enerxía eléctrica fotovoltaica. Desta maneira, contribúese á transición enerxética mediante o fomento das enerxías renovables á vez que se promove o emprego local vinculado á biomasa local forestal.