Actualidade

A Cátedra Epifanio Campo reafirma a súa aposta pola divulgación e a formación coa participación de máis de 180 persoas nas súas actividades o pasado ano

13/03/2024

 

A Cátedra Epifanio Campo, adscrita á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, situada no Campus Industrial da Ferrol da Universidade da Coruña,  reafirma un ano máis o seu compromiso co fomento da divulgación e a formación no ámbito da economía circular e a xestión de residuos industriais. No balance anual de actividades destacan fitos tan reseñables como o acto de entrega do I Premio de Divulgación Científica Epifanio Campo, a convocatoria e entrega dos II Premios de Investigación Epifanio Campo ou a participación na I Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente.

 

No ano 2019, a Universidade da Coruña e o Grupo Rodonita subscribiron un Convenio de colaboración para o desenvolvemento da Cátedra Epifanio Campo, adscrita á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, situada no Campus Industrial da Ferrol da Universidade da Coruña. O seu ámbito de actuación é o medio ambiente, a xestión de residuos e a sostibilidade. Desde entón, os obxectivos da cátedra céntranse en promocionar todo tipo de actividades de formación, divulgación, investigación e transferencia de coñecemento, relacionadas coa xestión medioambiental.

 

As actividades desenvolvidas pola Cátedra ao longo do 2023 contaron coa intervención dun total de 185 participantes, entre solicitantes e membros dos premios de investigación e de divulgación, asistentes, dirección e profesorado do curso, alumnos ademais dos membros da comisión, autoridades e participantes dos actos de entrega de galardóns.

 

Un dos momentos máis representativos deste ano foi a celebración da II Edición dos Premios de Investigación Epifanio Campo para proxectos de investigación relacionados co tratamento e xestión de residuos industriais. Nesta segunda edición presentáronse 9 solicitudes, 2 individuais e 7 grupais, por parte dun total de 38 investigadores pertencentes a 10 grupos de investigación dos campus da Coruña e Ferrol da Universidade da Coruña vinculados a diferentes ámbitos. O primeiro premio foi concedido ao traballo titulado “Industrial WAstes in Bltuminous MIXes (IWABIMIX)”, que expón a posibilidade de utilizar diversos tipos de residuos industriais como materia prima alternativa na fabricación de materiais para a pavimentación de estradas e outras infraestruturas. O segundo premio foi para o traballo “Valorización de residuos e obtención de bioplásticos”, que consiste no emprego de bacterias para producir plásticos e outros produtos químicos a partir de residuos como o soro de leite, lodos de depuradora ou algas.

 

Como parte das actividades de formación e divulgación desenvolvidas pola Cátedra para o fomento do intercambio de experiencias nos campos da docencia, a investigación e a divulgación científica entre o Grupo Rodonita e a Universidade da Coruña, tamén destacou a visita ás instalacións de SOGARISA do alumnado de Enxeñaría Ambiental da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, onde os alumnos puideron comprobar como se realiza de forma segura e efectiva o tratamento e a xestión dos residuos xerados pola actividade industrial.

 

Na mesma liña, no mes de xullo celebrouse o “Curso de Xestor de Residuos: a actividade profesional verde” co obxectivo de introducir ao alumnado nos coñecementos e competencias básicas necesarias no ámbito da xestión de residuos industriais. Catro días de intensa formación e intercambio de experiencias na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, cun enfoque práctico que finalizou cunha visita ás instalacións do CTRIG.

 

No seu afán polo apoio á formación, este ano a Cátedra tamén foi un dos patrocinadores da I Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente, organizada pola UDC, a USC e a UVigo co propósito de reunir docentes de todo o Sistema Universitario Galego para mellorar a docencia universitaria e tecer redes de innovación docente.

 

O Centro de Interpretación de Residuos Industriais foi outro fito salientable dentro da actividade da Cátedra no 2023. No mes de maio, a UDC licitou a redacción do proxecto básico e de execución do novo Edificio de Investigación e Innovación na Industria (EI3), do Campus Industrial de Ferrol, onde estará situado o Centro de Interpretación de Residuos Industriais (CIRI). A ambiciosa proposta baséase en abrir o Campus de Ferrol como conexión entre o campus e a cidade, para dar continuidade ao espazo urbano no seu interior.

 

Entre as propostas da Cátedra Epifanio Campo para este ano 2024 destacan a organización dunha nova edición do curso de xestor de residuos e os II Premios de Divulgación Científica Epifanio Campo, ademais de continuar fomentando as visitas de alumnos a Sogarisa ou PMA, as colaboracións con fins divulgativos e de investigación e a activación dun curso de posgrao na UDC.

 

RODONITA Medio Ambiente

RODONITA é a sociedade cabeceira dun holding empresarial formado por múltiples empresas e con ampla presenza e implantación en diversos sectores como a enerxía, o medio ambiente e residuos, así como materiais de construción, hostaleiro, vitivinicultura, acuicultura ou sector servizos. A división ambiental do Grupo está liderada polas sociedades PMA, SOGARISA e CONTECO, especializadas na xestión integral de residuos e servizos ambientais. Conforman un grupo empresarial competitivo, dinámico e socialmente responsable, capaz de gañar tamaño e implantación e reforzar a súa posición no mercado nacional.

 

PMA (Protección Medio Ambiental, SL), que inicia a súa actividade en 1991, está especializada na recollida itinerante e capilar de residuos procedentes do sector industrial e talleres de automoción. Pola súa banda, SOGARISA (UTE PMA - CONTECO), é a entidade concesionaria da explotación do CTRIG (Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia), infraestrutura pública titularidade da Xunta de Galicia, situada no Polígono das Somozas e referente a nivel nacional no tratamento e eliminación de residuos industriais perigosos. Por último, CONTECO (Contenedores da Coruña), empresa coruñesa fundada en 1985, está especializada na recollida, transporte e xestión integral de residuos de construción e demolición e residuos industriais non-perigosos.