Actualidade

Persoal investigador do Campus Industrial de Ferrol deseña unha ferramenta para valorar as situacións de risco e desprotección na infancia e adolescencia

05/02/2024

 

O equipo da Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF) adscrita á Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol traballou nun proxecto para a construcción dun instrumento de valoración de situación de vulnerabilidade e desamparo da infancia no contexto dos servizos sociais de protección á infancia no Principado de Asturias durante 12 meses. Os traballos, iniciados en novembro de 2022 foron liderados polo profesor da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol, Valentín Escudero. 

 

Hai unhas semanas, a directora xeral de Infancia e Familias, dependente da Consejería de Derechos Sociales y Bienestar do Principado de Asturias, Marta del Arco, e o director da Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF) da Universidade da Coruña, o profesor da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol, Valentín Escudero, presentaron en Oviedo a versión experimental da ferramenta dixital SemAS, un instrumento que pretende optimizar a valoración de situacións de vulnerabilidade e de risco na infancia e máis na adolescencia propiciando así unha actuación máis eficaz e precisa por parte dos servizos sociais asturianos.

 

O equipo da UIICF da Universidade da Coruña deseñou a que será a ferramenta de referencia para todo o persoal dos servizos sociais dos 78 concejos do Principado de Asturias e máis para o persoal da súa Consejería de Derechos Sociales y Bienestar. Logo desta fase experimental, estimada nuns seis meses de duración, a ferramenta será implantada polo goberno asturiano en todo o seu territorio.

 

Un servizo de investigación aplicada: atención gratuíta e especializada
A Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF), adscrita á Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol, é un Centro Sanitario autorizado polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) para os servizos de psicoloxía clínica e sanitaria.

 

A UIICF é un servizo de investigación aplicada que ofrece atención gratuíta e especializada ás familias. A súa misión é a de investigar como mellorar a atención terapéutica e educativa ás familias así como a de formar a profesionais neste campo. Do mesmo xeito, ofrece unha intervención de calidade no que atinxe ás relacións de parella, aos problemas psicolóxicos, o maltrato, o falecemento dun familiar, aos problemas escolares ou ás dificultades na adolescencia.

 

Consulta aquí a noticia completa