Actualidade

A Cátedra Greenalia-UDC convoca os premios 'Galicia Renovable' para a alumnado do Sistema Universitario Galego

24/05/2023

A cátedra Greenalia-UDC convoca, dentro do seu Plan anual de actividades, os premios Galicia Renovable. Uns galardóns que, nesta I edición, pretenden poñer en valor proxectos, propostas, análises ou deseños que desenvolvan directa ou indirectamente eixos temáticos relacionados cos obxectivos da Cátedra Greenalia-UDC para a transición enerxética. 

 

Coa posta en marcha destes premios, dáse un paso máis desde o espazo da cátedra para visibilizar as distintas perspectivas da transición enerxética e o seu impacto en Galicia, así como as oportunidades que se abren nesta etapa.  

 

Así, establécense principalmente as seguintes liñas de traballo: Galicia como rexión enerxética; o seu papel como consumidora, transformadora e xeradora de enerxía; o impacto do cambio climático no desenvolvemento económico e social desta comunidade; solucións de eficiencia enerxética nos distintos ámbitos; xestión dos riscos asociados á actividade enerxética; definición e tratamento dos riscos empresariais relacionados co consumo enerxético e solucións paisaxísticas das distintas infraestruturas enerxéticas. 

 

Poderá participar o alumnado dunha titulación de grao ou mestrado de calquera das universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), que presenten o seu traballo de fin de Grao (TFG) ou de fin de Mestrado (TFM) durante o curso académico 2022/23, ou que o presentaran nos dous cursos académicos inmediatamente anteriores (2020/21 o 2021/22).

 

Establécense dúas categorías: Para os traballos TFM, cun galardón dotado de 1.200 euros. Para os TFG, outorgaranse 2 premios. O primeiro, dotado de 1.000 euros e o pagamento da matrícula dun curso académico nun dos mestrados que oferte a UDC para o seguinte curso e, o segundo premio, dotado de 750 euros ao que se suma tamén o abono de matrícula.

 

As persoas interesadas en presentar a súa candidatura poderán facelo a través do formulario electrónico establecido nas bases ou a través da Web da Cátedra de Transición Enerxética. 
https://www.fundacion.udc.es/CatedraGreenaliaTransicionEnergetica/ antes do 31 de xullo. 
    

Sobre a Cátedra
A compañía Greenalia e a Universidade da Coruña (UDC) impulsan a posta en marcha da Cátedra de Transición Enerxética. Unha iniciativa a través da cal ambas organizacións buscan promover a investigación, a divulgación e a transferencia de coñecementos sobre o impacto do cambio climático, o proceso de descarbonización e a transición enerxética, con especial atención aos seus efectos na nosa CCAA.

 

A estes obxectivos súmase un fundamental para ambas entidades: o impulso para crear novo talento nestas materias, pois o emprego verde precisará cada vez máis de máis e mellores especialistas.