Actualidade

A Cátedra Greenalia-UDC para a Transición Energética pon en marcha o seu plan anual de actividades

20/04/2023

 

O plan de actividades da Cátedra Greenalia UDC para a Transición Enerxética arrinca este trimestre coa organización de diferentes iniciativas entre as que destaca a organización dun foro sobre enerxías renovables e os novos perfís formativos e a convocatoria dos premios “Galicia Renovable”, dirixidos a alumnado egresado de grao e máster das universidades do SUG. A dirección da cátedra está a ultimar os detalles e cronograma para ambas actuacións que serán detalladas a través da web Cátedra de Transición Enerxética (udc.es) e outros soportes nas próximas semanas. 


 
A través do Plan de Acción da Cátedra preténdese impulsar a transferencia de coñecemento centrada nas áreas de descarbonización, efectos do quecemento global e a procura de novos sistemas e aplicacións para conseguir unha transición máis inclusiva, igualitaria e xusta. Todos eles temas de máxima relevancia para o presente e futuro do noso Planeta. 

 

No marco de estudos e investigacións, outro dos obxectivos do plan é impulsar unha liña de investigación sobre o impacto das novas tecnoloxías renovables no territorio, así como a elaboración dunha guía de boas prácticas, que permitan unha maior e mellor integración dos diferentes proxectos dentro da idiosincrasia de Galicia. 

 

Sobre a Cátedra
A compañía Greenalia e a UDC (Universidade de Coruña) impulsan a Cátedra de Transición Enerxética. Unha iniciativa coa que se prevé a transferencia de coñecementos sobre o impacto do cambio climático, o proceso de descarbonización e a transición enerxética, con especial atención aos seus efectos na CCAA de Galicia. 

 

A estes obxectivos súmase un fundamental para ambas as entidades: o impulso para crear novo talento nestas materias, pois o emprego verde precisará cada vez máis, de máis e mellores especialistas.  Para iso, a produtora de renovables con sede na Coruña financia as distintas actividades que se planifiquen anualmente no marco desta Cátedra que terá unha duración prevista de 4 anos.  

 

A cátedra está dirixida por Fernando de Chairo, doutor Internacional en Economía pola UDC e profesor e investigador do Departamento de Empresa da Universidade da Coruña. É coordinador do Grupo de Investigación en Regulación, Economía e Finanzas da UDC, e membro do Foro Enerxético de Galicia.