Actualidade

A Cátedra Hijos de Rivera Universidade da Coruña de Desenvolvemento Sostible organiza unha conferencia sobre a estratexia empresarial cara os ODS

21/04/2023

 

O salón de actos da Facultade de Economía Empresa da UDC acollerá o luns 24 de abril, ás 9:30 horas, a conferencia “Estrategia empresarial y Objetivos de Desarrollo Sostenible: del alineamiento a la certificación”, organizada pola Cátedra Hijos de Rivera-Universidade da Coruña de Desenvolvemento Sostible. 


Impartirán a conferencia Francisco José Martínez López e Antonio Montaño Valle. Francisco Martínez, catedrático de Economía Financeira e Contabilidade, foi reitor da Universidad de Huelva, presidente do Consejo Económico y Social de Huelva, e delegado da Junta de Andalucía para os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Antonio Montaño é profesor de Estratexia e de Responsabilidade Social Corporativa na Universidad de Huelva, e presidente do International Council for the Development of Sustainable Goals.


As empresas están a orientar os seus sistemas de organización cara a novos retos que implican ter en conta a sustentabilidade, entendida desde o punto de vista non só ambiental, senón sobre todo desde unha óptica laboral, económica, de produción, consumo e en todo o ámbito social. O principal proxecto internacional para conseguir aliñar os esforzos de gobernos, empresas, ONG e persoas en materia de sustentabilidade é a axenda 2030 da ONU. As empresas xa están a unir a súa estratexia aos ODS e deben dar a coñecer á sociedade os seus esforzos neste sentido, para o que deben certificarse neste campo. Na xornada analizarase a importancia dos ODS e a axenda 2030, e verase como as empresas poden incorporarse a este gran proxecto de carácter  mundial.


O acto estará presidido pola nova decana do centro, Socorro Lema, e será presentado polo director da Cátedra, Ángel Fernández Castro.