Actualidade

Entrevista a Juan Ramón Rabuñal, director del Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) de UDC

07/04/2022

“A actividade do CITEEC responde aos tres piares da investigación universitaria: de base, aplicada e con capacidade de transferencia”

A Universidade da Coruña conta co único centro de investigación en España que alberga, nas mesmas instalacións, as infraestruturas necesarias para desenvolver os principais ensaios experimentais en enxeñería civil e edificación. Trátase do CITEEC, que conta, tal e como explica o seu director, o catedrático Juan Ramón Rabuñal, cun sistema de visita virtual aos diferentes laboratorios que permite ao usuario descubrir tanto a actividade como as capacidades do equipo de investigadores do Centro.

 

Cal é o cometido principal do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil da Universidade da Coruña?

O CITEEC é unha infraestrutura de experimentación destinada a crear, reproducir, estudar, analizar e simular fenómenos físicos e químicos de interese en enxeñería civil e edificación. Temos equipos especializados para a realización de diversos ensaios do eido da enxeñería e para o desenvolvemento de novas tecnoloxías de aplicación en diversos campos. O CITEEC dispón de varios laboratorios para acometer de xeito satisfactorio ensaios de grande envergadura en enxeñería civil e edificación e desenvolve tres áreas fundamentais de actividade, coincidentes cos tres piares da investigación universitaria, que son o fomento da investigación de base, a investigación aplicada e a transferencia de coñecemento a empresas e institucións.

 

Hai pouco máis de dous anos o CITEEC foi noticia por, dicían os titulares, romper a viga de formigón “máis grande do mundo”. Pero a torre de caída polivalente para ensaios de impacto non é o único equipamento singular a ollos da sociedade nos máis de dez laboratorios cos que conta o centro. Túneles de vento, simuladores de diques praias e costas, unha recreación a escala do sistema de abastecemento de auga da cidade... Que máis pode atoparse quen acceda ao CITEEC?

O CITEEC é o único centro de investigación en España onde se atopan xuntos os principais ámbitos de ensaio experimental en enxeñería civil e edificación. No mesmo centro podemos ensaiar a escala roturas de vigas, como se fixo cunha das mais grandes ensaiadas en laboratorio do mundo, e cruzando dúas portas entrar na segunda plataforma científica de ensaios de escorrentía urbana máis grande a nivel mundial, ou ensaiar a escala unha presa hidráulica no mesmo laboratorio. Subindo un piso podemos atopar un túnel de vento de ensaios aeroelásticos que permite analizar o comportamento a escala de grandes pontes ante a acción do vento. E subindo un piso máis, podemos atopar unha gran dársena de mil metros cadrados onde realizar olas e ensaiar estruturas costeiras como diques portuarios. 

No centro dispoñemos de diferentes laboratorios que abarcan diversos ámbitos da enxeñería civil e a edificación, como son o laboratorio de Construción, de Dinámica de Estruturas, de Enxeñería Ferroviaria e Transportes, de Enxeñería Sanitaria e Ambiental, de Estradas e Xeotecnia, de Hidráulica, de Mecánica de Rochas, de Portos e Costas e o Laboratorio dos Túneles de Vento en Enxeñería Civil. Adicionalmente, dispoñemos de dous laboratorios con actividade máis transversal, como son o Laboratorio de Métodos Numéricos en Enxeñería e o Laboratorio de Instrumentación e Sistemas Intelixentes en Enxeñería Civil.

 

Que elementos son fundamentais para facer posible a transferencia de coñecemento e/ou de resultados de investigación? Que necesidades detecta, como director do CITEEC, neste sentido?

Unha das actividades principais dos investigadores é a obtención de novo coñecemento, e o profesorado universitario ten unha excelente capacidade e cualificación para levar a cabo satisfactoriamente esta tarefa. Sen embargo, para que unha investigación poida chegar á sociedade existe un proceso que pode resultar complexo e na maioría dos casos precisa incluso de máis financiamento que o necesario para obter a investigación básica. Neste proceso tamén aparece moita carga burocrática, que no ámbito universitario tamén ten que ser afrontada na maioría das situacións polo investigador, o que supón na maioría das situacións un excesivo traballo para o investigador, con tarefas nas que non se sinte cómodo ou posúe menos experiencia. De aí que moitos dos froitos da investigación non acaden unha axeitada transferencia do coñecemento ao sector produtivo. No ámbito universitario, coido que este é o principal escollo que existe para que moita da excelente investigación que facemos non se plasme en patentes e transferencia directa ao sector produtivo. Ademais, hai que ter en conta que a visibilidade principal que obtén un investigador é a través das publicacións en editoriais científicas, o que supón un público receptor limitado ao mundo científico e unha visibilidade practicamente nula na sociedade, perdendo moitos dos resultados potenciais da investigación que poderían chegar ao tecido empresarial. 

 

 

Desde o seu punto de vista e da experiencia concreta no CITEEC, como afecta a actual situación sociosanitaria derivada da pandemia da covid-19 á investigación e á transferencia? Son as visitas virtuais que permite o percorrido interactivo polo CITEEC a través da propia web do centro un xeito de adaptarse á nova situación? 

Sen dúbida, a situación que temos dende hai dous anos supón unha certa paralización da actividade e complica o desenvolvemento da investigación e da transferencia, sobre todo en ámbitos como o noso, onde é imprescindible unha presencialidade para a realización de ensaios e experimentación física en laboratorios. Adicionalmente, o contacto cos diversos actores do tecido empresarial, e principalmente as visitas físicas ao centro, sufriron en gran medida unha transformación para adaptarnos a esta nova situación social derivada da pandemia. Recentemente desenvolvemos un sistema de visita virtual ao centro, dispoñible na web do CITEEC. Dende calquera navegador web o usuario pode percorrer varios dos laboratorios máis visuais do centro e pode ver vídeos de ensaios que fixemos no CITEEC. Desta maneira, coa axuda destas ferramentas TIC podemos dar máis visibilidade á actividade e ás capacidades que temos no centro.