Actualidade

A Cátedra Hijos de Rivera-UDC rexenera solos en plantacións intensivas de eucalipto mediante o aproveitamento de biomasa de proximidade e a plantación de cultivos complementarios

22/02/2022


A Cátedra Hijos de Rivera–UDC, da man da Fundación Galicia Sustentable, presenta os resultados de 18 meses de traballo experimental en modelos de agricultura rexenerativa que poñan en valor os recursos do contorno e permitan restaurar ecosistemas afectados pola actividade humana. O resultado foi a creación de máis de 100 micro parcelas no Concello da Laracha, das que se extraeron os resultados que agora se presentan.

 

En declaracións de José Manuel López López, alcalde da Laracha, “a Fundación Galicia Sustentable está desenvolvendo un proxecto esperanzador para a prosperidade do rural. Desde unha perspectiva ambiental, os resultados que hoxe se presentan, demostran que pequenas transformacións nos modelos de xestión poden ter un impacto para unha agricultura máis sustentable. Estes bos resultados reforzan a nosa ilusión por outros proxectos en marcha, especialmente os relacionados coa dixitalización do sector primario”.

 

Pola súa parte, Marcos Pérez da Fundación Galicia Sustentable fala das dificultades iniciais de certos plantexamentos “todas as persoas coas que falabamos daban por feito que non se conseguirían bos resultados, e mesmo nós chegamos a pensalo. Pero diso se trata na experimentación, de probar cousas que non son evidentes e, ao final, os bos resultados conseguidos neste curto período de tempo nos impulsan a seguir traballando nesta e outras liñas de traballo que poden facer un rural máis próspero e sustentable”.

 

O director da Cátedra HR-UDC en Desenvolvemento Sustentable, Ángel Fernández Castro, puxo de relevo o compromiso da mesma co ámbito de investigación da agricultura rexenerativa. “Os resultados obtidos son prometedores e de utilidade social para o agro galego”, valorou expresando a súa intención de continuar impulsando o estudo iniciado, tanto no referente á evolución dos ensaios en marcha como estendéndoo a outros posibles cultivos.

 

O proxecto céntrase na rexeneración de solos en plantacións de eucalipto. Para iso, aprovéitanse distintos tipos de biomasa e unha secuencia de cultivos complementarios que favorecen a recuperación da capacidade de solos que actualmente xa están en uso en monocultivo intensivo de eucalipto.

 

Rexenerar solos con produtos de proximidade

A análise da recuperación de capacidade produtiva do solo realízase por métodos directos e indirectos. Os primeiros son o resultado da comparación de análise de datos procedentes de laboratorio e os segundos a través da observación da capacidade produtiva das sementeiras e transplantes.

 

Os resultados amosan que se conseguiu un incremento de macronutrientes NPK (sodio, fósforo e potasio), se ben non se puido alterar, con estes métodos, a acidez dos chans característica das plantacións de eucalipto.

 

Incremento da biodiversidade

Por outra parte, a evolución e as análises realizadas sobre as sementeiras e transplantes evidencian que os efectos fitotóxicos da plantación intensiva de eucaliptos son moi leves en canto á capacidade de xerminación. A xerminación tivo éxito, en maior ou menor medida, en todas as especies, e mostraron a súa viabilidade no eucaliptal os grelos e chícharos, as fabas, xudías, acelgas, cenorias, patacas e fresas. Produciuse a xerminación pero con grandes dificultades de crecemento en millo, puerros e remolacha. As excepcións nesta experimentación foron a berenxena, melón, sandía e pementos.

 

Aínda que en moitos casos o manexo das plantacións foi máis sinxelo en canto a coidados ou mantemento nas plantacións baixo eucalipto, as producións finais manteñen unhas diferenzas abrumadoras en favor do manexo tradicional dos cultivos. Non obstante, séguese traballando coas especies de maior potencial, especialmente de froitos vermellos (distintas variedades de frambuesas, arándanos, moras, grosellas, goji e fresas) e de pataca.

 

Agricultura fronte ao cambio climático

Outro dos resultados observados foi o incremento tanto do carbono total como da materia orgánica, aspectos positivos deste manexo a través de acolchado vexetal para os cultivos, confirmando a posible contribución dos chans como sumidoiros de carbono a través da achega de materia orgánica como expuxo a iniciativa 4 por mil presentada na o COP21 de París.

 

Economía, medio ambiente e avance social

O proxecto de investigación impulsouse pola Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sustentable, cuxo principal obxectivo é explotar modelos innovadores e disruptivos que garantan o equilibrio entre a competitividade económica, o respecto ao medio ambiente e o avance social. Neste proxecto avalíanse con métodos de agricultura rexenerativa para tratar o reto global de desenvolver unha contorna máis resiliente que poida enfrontar o cambio climático e abastecer de alimento a unha poboación en crecemento.

 

Consulta aquí os principais resultados obtidos.

 

Foto 1: Fresas transplantadas en plantación intensiva de eucaliptos

 

Foto 2: Patacas sementadas en plantación intensiva de eucaliptos

 

Foto 3: Xerminación de crucíferas (nabo de Lugo) en plantación intensiva de eucaliptos